Inicio Carballo ao día Hemeroteca Arrinca o Fiotiño coa celebración...

OS PROTAGONISTAS: NENOS E NENAS DE 6 A 12 ANOS

Arrinca o Fiotiño coa celebración dunha “Noite branca no teatro”, citas na biblio, teatro de rúa e unha montaxe audiovisual

Mércores 21 de setembro do 2016

Fiotiño 2015

Unha das actividades do Fiotiño 2015

A versión en pequeno do FIOT de Carballo, o Fiotiño, arrinca o sábado 24 de setembro coa cuarta edición da “Noite branca no teatro”, unha das actividades máis exitosas entre os rapaces e rapazas amantes das artes escénicas. Desde as 19.00 horas do sábado 24 ata as 11.00 horas do domingo 25 de setembro, os máis cativos e cativas poderán participar nun mini campamento de farándula no Pazo da Cultura, que lles ofrece a oportunidade de coñecer os segredos do teatro in situ e nun horario máxico: durante a noite. 

A actividades está dirixida a nenos e nenas de 6 a 12 anos e aínda está aberto até o 22 de setembro o prazo de inscrición

Os nenos e as nenas de 6 a 12 anos son os protagonistas de divertidos obradoiros que os achegarán emocionalmente ao teatro, conectaraos co mundo do FIOT e converteraos en protagonistas do “momento de contar un conto”. A cea, a noite nos sacos de durmir no teatro e o almorzo da mañá seguinte formarán parte desta aventura chea de xogos, sorpresas e moitas artes escénicas. Aínda está aberto o prazo de inscrición (que remata o 22 de setembro) e o prezo por cada neno é de 20 euros, tendo preferencia os socios da Asociación Cultural Telón e Aparte.

Pequeperiodistas” e “Time Lapse”

Aos xornalistas que habitualmente seguen o festival uniranse os máis pequenos coa iniciativa “Pequeperiodistas”, a través da cal farán un seguimento informativo do FIOT. Isto permitiralles aprender a redactar novas ao tempo que entran en contacto co mundo escénico. Deste xeito, entrevistarán aos actores que participen no festival, aprenderán a retratalos e prepararán un xornal que estará á disposición de todo o público para así gardar un recordo documental da visión dos cativos sobre esta edición tan festiva do FIOT.

Celebrarase o 1, 15 e 22 de outubro na Biblioteca Rego da Balsa de 10:30 a 13:00 h. Está dirixido a 15 nenos a partir de 10 anos e a inscrición é gratuíta.   Entre as novidades deste ano destaca “Time Lapse”, un obradoiro no que fioteiros a partir de 6 anos e adultos poderán interactuar bailando, interpretando e cantando. Esta experiencia terá como resultado final a montaxe dun sorprendente vídeo. Terá lugar o 8 de outubro na Biblioteca Rego da Balsa de 10:30 a 13:00 h e a inscrición gratuíta está aberta a 20-30 prazas.

Teatro de Rúa, Teatro Lido e Yllana

Na rúa, os nenos coas súas familias tamén poderán gozar dos espectáculo “Ritmo refugallo” (30 de setembro ás 19:00 h no Xardín Municipal) do Trío Refugallo, unha animación musical e teatral no que o clown se mestura coa música feita a partir de materiais de refugallo. No Mercado Municipal, os Farrés Brothers realizarán unha viaxe revolucionaria que rozará os límites da realidade con “Tripula” (1 de outubro ás 12:30, 17:30 e 19:30 h), actividade cun prezo de 2 euros, aínda que será gratuíta para menores acompañados dun adulto, para socios da AC Telón e Aparte e abonados.

E, coma sempre, volve un veterano: o XVI Concurso Escolar de Teatro Lido Xosé Manuel Eirís, no que os cativos realizarán unha interpretación lida dun fragmento teatral e poderán optar a premios por valor de 850 euros. Terá lugar a partir do 5 de outubro na emisora Radio Voz e está aberto á participación de ata 30 grupos de 2 a 8 anos de idade.

Compartir: