Inicio Carballo ao día Hemeroteca Baldaio acolle unha xornada de voluntariado...

DOMINGO 25 DE SETEMBRO A PARTIR DAS 10.30 HORAS

Baldaio acolle unha xornada de voluntariado ambiental para poñer en valor esta contorna natural cunha limpeza da praia

Venres 23 de setembro do 2016

Lagoa, praia e espazo dunar de Baldaio

Lagoa, praia e espazo dunar de Baldaio

A asociación Mar de Fábula ten previsto realizar na praia de Baldaio unha xornada de voluntariado ambiental, dentro dun convenio de colaboración asinado coa Fundación Biodiversidad e a empresa Decathlon, o domingo 25 de setembro. Nesta acción ambiental, coa que colabora o Concello de Carballo, participarán empregados e convidados e convidadas dos centros de Decathlon da Coruña e Ferrol xunto con integrantes e voluntarios de Mar de Fábula, con presenza de preto de medio centenar de persoas. Todos eles realizarán unha limpeza da praia de Baldaio durante toda a mañá do domingo a partir das 10.30 horas. A actividade estará dirixida por monitores de Mar de Fábula que marcarán o protocolo a seguir na identificación, recollida e separación dos refugallos plásticos depositados ao longo da liña da marea.

A cita comeza a partir das 10.30 horas e durará toda a mañá; os residuos recollidos serán xestionados polo Concello

Ao mesmo tempo, impartiranse as debidas explicacións para o coñecemento, respecto e posta en valor da paisaxe, da flora e da fauna deste importante espazo natural. Unha inspección previa da praia indica que, como resultado dos traballos de limpeza realizados polo Concello durante o verán, a presenza de refugallos plásticos está reducida ao mínimo pero a situación nesta área, aberta aos ventos e ás correntes, pode cambiar dun día a outro porque recibe toda sorte de lixo mariño. O Concello de Carballo colaborará coa retirada dos residuos recollidos para o seu correcto tratamento e reciclaxe.

Máis info e anotacións en <decathlonmedioambiente.es>.



Galería

Compartir: