Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo leva bonificados preto de 200.000 euros...

MOCIÓN SOBRE A PRESENZA DE CIRCOS CON ANIMAIS

Carballo leva bonificados preto de 200.000 euros no ICIO para empresas instaladas no Polígono de Bértoa nos últimos dous anos

Venres 23 de setembro do 2016

Rolda de prensa

Un momento da presentación do pleno

A corporación carballesa celebra o luns 26 o pleno ordinario do mes de setembro, no que un dos principais puntos da orde do día é a bonificación no 95 por cento do importe do ICIO (Imposto sobre construcións, instalacións e obras) para a construción de tres naves industriais para outras tantas empresas no Parque Empresarial de Bértoa. Segundo informa o Alcalde, Evencio Ferrero, nos últimos dous anos téñense bonificado un total de 181.975,10 euros neste imposto para favorecer a implantación de empresas en Carballo, así como a creación de postos de traballo e a dinamización económica e comercial. No que vai de ano 2016 as empresas xa se teñen beneficiado de descontos, cumprindo sempre todas as especificacións da ordenanza, por un importe total de 41.982,96 euros.

No que vai de ano 2016, os beneficios para empresas implantadas no polígono carballés roldan os 50.000 euros

En todo caso, Ferrero sinala que está previsto o incremento desta cantidade de aquí ao final do exercicio, xa que os servizos de recadación están revisando algún expediente de solicitude que agarda por unha resolución. No caso das bonificacións que se inclúen no pleno de setembro, trátase de Novo Lar, que construirá unha nave de 2.069 metros cadrados nunha parcela de 4.174, cun proxecto de 484.406,52 euros e unha bonificación de 11.504,65 euros; Remifer, que nunha parcela de 2.904 metros edificará unha nave de 1.840 por 517.842 euros e conta cunha bonificación de 12.698,75 euros; e Raxería Río Sil, que dun importe de 363.818,92 euros obtén unha bonificación de 8.640,70 euros.

Carballo, vila libre de circos con animais

Outro dos principais asuntos da orde do día debaterase no apartado de mocións. O BNG e o PSOE presentan unha proposta conxunta na que se recolle a exclusión do municipio dos circos con animais. Segundo expoñen no texto "os circos usan aos animais como reclamo do público infantil". Por ese motivo, o grupo de goberno e o socialista consideran "que os pequenos e pequenas deste país, a sociedade do futuro, merece unha educación baseada en valores que inclúan o respecto cara aos seres vivos e a contorna".

A corporación debaterá un acordo para que o Concello non autorice, nin promova ou ampare a instalación de circos con animais no termo municipal

Por ese motivo, propoñen "que o Concello de Carballo non autorice, nin promova ou ampare a instalación de circos con animais no termo municipal; declarar o Concello de Carballo Vila libre de circos con animais; que o Concello de Carballo non permita a instalación de publicidade de espectáculos circenses con animais no termo municipal". Na comision informativa previa ao pleno na que se debateu a moción, o acordo foi apoiado polo PSOE e o BNG, foi rexeitado por TEGA e contou coa abstención do grupo popular.

Outros asuntos de trámite

No apartado económico, a sesión recolle a aprobación do terceiro recoñecemento extraxudicial de crédito correspondente con facturas pendentes do exercicio de 2015. Neste caso, explica o Alcalde, trátase de facturas que, aínda que se corresponden con servizos do ano 2015, nalgúns casos foron presentadas con datas do 16 de setembro de 2016, o que impediu que foran abonadas antes. Este recoñecemento ten un importe de 8.344,66 euros e o total dos tres recoñecementos deste ano ascende a 140.621,20 euros.

O pleno recolle a aprobación dun recoñecemento extraxudicial de crédito que ascende a un importe de 8.000 euros

Entre os asuntos de trámite, a sesión recolle unha modificación da RPT, Relación de Postos de Traballo do Concello de Carballo, no que se refire á área de acción social. Debido a un erro no organigrama, aínda que este acordo xa foi aprobado nun pleno anterior, debe volver ao salón de sesións para que a resolución sexa aprobada con este erro subsanado.

Por último, hai que mencionar a aprobación definitiva por parte do pleno da Conta Xeral de 2015, con luz verde nunha sesión anterior pero que agora, despois de todos os trámites burocráticos e administrativos e da exposición pública sen que se presentasen alegacións, debe recibir o visto e prace definitivo; así como a adscrición do novo Concelleiro do BNG, Daniel Pérez, ás comisións informativas e órganos colexiados dos que formaba parte a xa ex concelleira Inés Rodríguez. Pérez asumirá as áreas de Normalización Lingüística e Xuventude, mentres que a área de Participación Veciñal que antes asumía Inés Rodríguez, pasará a xestionala a Concelleira de Benestar, Maica Ures.

Compartir: