Inicio Carballo ao día Hemeroteca Yllana cumpre 25 anos co FIOT e ademais...

A COMPAÑÍA ESTREA "YLLANA 25" O VENRES 23 DE SETEMBRO

Yllana cumpre 25 anos co FIOT e ademais recoñece o festival como “unha selección do mellor do panorama das artes escénicas”

Venres 23 de setembro do 2016

Rolda de prensa

Compoñentes de Yllana xunto co Concelleiro de Cultura e o Presidente da AC Telón e Aparte

Os intérpretes da compañía madrileña Yllana presentaron hoxe en rolda de prensa conxuntamente co presidente da Asociación Cultural Telón e Aparte, Alberto Sueiro, e o Concelleiro de Cultura de Carballo, Marcos Trigo, o seu espectáculo “Yllana 25”, que este venres ás 21.00 h se estrea na capital de Bergantiños, o que tamén supón a súa primeira representación en Galicia. Alberto Sueiro presentou a Yllana como unha compañía “imprescindible”, xa que asistiu en nove ocasións ao festival, tres delas como convidada despois de gañar o Premio do Público. De feito, Sueiro calificou de “yllanofilia” o sentimento do público carballés por esta compañía, unha das máis queridas do festival.

Yllana prolonga o seu particular idilio con Carballo e co festival, de quen aseguran que reciben un trato “excelente e familiar”

Por parte de Yllana estiveron presentes Fidel Fernández, Jony Elías, Luis Cao e Juanfran Dorado. Segundo sinalou Fidel Fernández, “é unha honra estar en Carballo, xa que é, con diferencia, un dos mellores festivais dentro e fóra de España”. Tamén destacou o nivel de programación desta edición como “moi esixente”, no que participa “unha selección do mellor do panorama das artes escénicas nacionais e internacionais”. Fernández cualificou de “excelente e familiar” o trato recibido pola organización do FIOT e Luis Cao incluso falou do seu vínculo sentimental, xa que a súa avoa era orixinaria da capital de Bergantiños.

Sketches “remasterizados”

A representación de Yllana 25 é o aperitivo que antecede ao comezo do Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) e tamén a estrea desta obra en Galicia. O espectáculo consistirá nunha adaptación e fusión dos máis existosos sketches da compañía ao longo dos seus 25 anos de traxectoria. “Fomos a cabalo gañador, van a estar presentes os gags máis infalibles e representativos”, manifestou Fernández. Segundo os propios actores, será un espectáculo “moi divertido e enérxico”, no que os antigos sketches estarán “remasterizados”, pero que manterán o seu estilo “divertido, intelixente, pícaro e xestual”. Tamén adiantaron que seguirán facendo uso da improvisación e que haberá máis de 12 cambios de vestiario por cada actor, o que constitúe un dos retos de “Yllana 25”.

Na rolda de prensa aproveitaron para anunciar a gravación dun documental sobre os seus 25 anos de historia, que están elaborando os estudantes dunha escola audiovisual de Madrid. E, sobre o futuro, desexaron que Yllana siga outros 25 anos. Tamén manifestaron a súa intención de compoñer un espectáculo cos seus peores sketches.



Galería

Compartir: