Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo celebra a súa primeira carreira...

O 16 DE OUTUBRO A PARTIR DAS 9.30 HORAS

Carballo celebra a súa primeira carreira de obstáculos, o I Desafío Bergantiñán, unha cita para todas as idades chea de diversión

Luns 26 de setembro do 2016

Rolda de prensa

Presentación do I Desafío Bergantiñán na Casa do Concello

Carballo celebra o 16 de outubro a súa primeira carreira de obstáculos, o I Desafío Bergantiñán, unha cita para todas as idades e para todos os niveis nun circuíto semi urbano de 5,6 quilómetros pola vila. A cita está aberta para categoría feminina, masculina e infantil (de 5 a 15 anos). Calquera persoa maior de 16 anos pode anotarse na categoría absoluta, na que haberá 25 obstáculos -incluíndo unha carreira río arriba pola canle do Anllóns- nun amplo abano de posibilidades para que cada quen faga a súa carreira. Así, quen non sexa capaz de superar algún obstáculo poderá avanzar realizando 15 burpees (flexión e salto) para continuar co percorrido. A carreira pretende ser unha cita alcanzable para todo o mundo e moi divertida.

Outro dos atractivos da proba é o padriño, Fran López Costoya, Campión do Mundo de Raids no ano 2010

Respecto do desenvolvemento da proba, a absoluta transcorrerá mediante un sistema de quendas cada 10 minutos, con arredor de 30 corredores en cada unha, coa primeira saída ás 9.30 horas. No caso da categoría "irmán menor", para menores de 16 anos, a carreira disputarase en quendas de dous corredores con saídas cada minuto. O obxectivo é formar parellas entre nenos de distintas idades, de tal forma que o maior axuda ao pequeno a finalizar o circuíto, neste caso de 600 metros, para favorecer a colaboración entre os rapaces e rapazas.

Saída e chegada na contorna do Rego da Balsa

Respecto das características do circuíto, a saída e a chegada estarán situadas na contorna do Rego da Balsa, na rúa Perú -onde tamén estará situado o circuíto infantil- nun percorrido circular con avituallamento ao final. Os participantes poderán usar os vestiarios do Pavillón Bergantiños para ducharse. A organización subliña a espectacularidade dos obstáculos na categoría absoluta, con muros verticais, ramplas. redes, tubos e mesmo un salto de lume.

Outro dos atractivos da proba é o padriño, Fran López Costoya, Campión do Mundo de Raids no ano 2010. López Costoya asegura que nos últimos tempos hai unha proliferación deste tipo de probas, "para todas aquelas persoas ás que xa non lles chega con correr" e supoñen un reto engadido que fai que moitos corredores e corredoras se animen a participar. O Alcalde, Evencio Ferrero, espera que esta cita sexa, un "novo desafío", que sexa "a primeira doutras moitas" e que moita xente de fóra de Carballo se anime a achegarse e correr.

O I Desafío Bergantiñán está organizado pola Asociación 13 Lagartos coa colaboración do Concello e a Federación Galega de Atletismo. As inscricións poden formalizarse a través do web <www.carreiras galegas.com>.



Galería

Compartir: