Inicio Carballo ao día Hemeroteca Luz verde para o contrato de dotación de...

ADQUISICIÓN DE TERREOS PARA ESPAZOS LIBRES DO PXOM

Luz verde para o contrato de dotación de servizos para crear unha senda peonil e ciclista entre o Parque Empresarial de Bértoa e a capital municipal

Luns 26 de setembro do 2016

Travesía de Bértoa

Travesía de Bértoa

A Xunta de Goberno Local reunida en sesión ordinaria vén de aprobar o expediente de contratación para o contrato administrativo de obras de "Dotación de servizos urbanos no itinerario peonil e ciclista na AC-552, treito Bértoa-Carballo", que permitirá a creación dunha senda entre a capital municial e o polígono de Bértoa. O orzamento base de licitación é de 379.697,55 euros e o procedemento é aberto con varios criterios de adxudicación, incluíndo prescripcións técnicas e a oferta económica. As empresas poderán presentar ofertas no prazo de 26 días naturais dende a publicación no BOP e no Perfil de contratante. Este contrato supón o 30 por cento do custo global para a realización do proxecto e supón a dotación de servizos urbanos no treito do itinerario, acometéndose a mellora das redes de telecomunicacións, electricidade e gas.

A Xunta de Goberno aproba o comezo do proceso para executar a parte que lle corresponde ao Concello, o 30 por cento do importe total

Pola súa banda, a Xunta destinará a estas actuacións 760.000 euros (o 70 por cento restante). A Consellería de Infraestruturas e Vivenda será a encargada da construción da senda, a urbanización da superficie, a instalación de alumeado e a renovación da drenaxe, das redes pluviais e da rede de saneamento. Os veciños e veciñas de Carballo poderán desprazarse diariamente ata o Parque Empresarial de Bértoa, a pé ou en bici, empregando un itinerario seguro e sostible. Este itinerario vaise construír pola marxe dereita da vía, ao longo de máis de un quilómetro. A súa amplitude, un ancho duns 9 metros, posibilitará contar cunha senda peonil, cun carril bici e cunha franxa axardinada perfectamente diferenciados. Tamén se habilitarán aparcadoiros naquelas zonas nas que se dispoña de espazo suficiente.

Plan Xeral de Ordenación Municipal

No apartado de contratación, a Xunta de Goberno supuxo a aprobación do contrato privado para a adquisición de terreos incluídos dentro do ámbito do sistema xeral de espazos libres do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) do Concello de Carballo. Segundo consta no informe, os terreos obxecto de compravenda están clasificados como solo rústico de protección agropecuaria, de augas e de espazos naturais, incluídos dentro do plan especial de desenvolvemento de infraestruturas e dotacións PE-3 Río Anllóns.

Segundo describe o PXOM, trátase dun espazo libre vencellado ao río Anlóns na zona da Lagoa e Bosque do Añón para conseguir un parque urbano a continuación do río. O presuposto máximo de investimento do Concello para a adquisición de terreos é de 200.000 euros. O tipo máximo de licitación para a adquisición das parcelas é de 6 euros o metro cadrado máis IVE, pudendo ser obxecto de mellora á baixa. Por último, no apartado de contratación hai que mencionar a prórroga dun ano para o contrato de servizos do Programa de exercicio físico para maiores de 60 anos.

Convenios e subvencións

No apartado de convenios, aprobouse un acordo de colaboración coa Consellería de Medio Ambiente e a Fegamp (Federación Galega de Municipios e Pronvincias) para a xestión de residuos de aparellos eléctricos e electrónicos. O obxectivo é dotar ao Punto Limpo Municipal dos medios para pesar os residuos recollidos, marquesiñas para o seu almacenamento, barreiras de estanquidade e carteis distintivos. Así mesmo, deuse conta cun convenio para o desenvolvemento de formación en centros de traballo co Centro educativo IES plurilingüe Rosalía de Castro.

Por último, hai que mencionar a solicitude dunha subvención á Secretaría Xeral de Igualdade por un importe de 61.813,86 euros para o financiamento do persoal encargado dos servizos que ofrece o Centro de Información á Muller de Carballo.

Compartir: