Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo, declarada vila libre de circos con...

BONIFICACIÓNS DE 32.000€ PARA EMPRESAS PARA O POLÍGONO

Carballo, declarada vila libre de circos con animais tralo apoio dunha moción presentada no pleno de setembro

Martes 27 de setembro do 2016

Un momento da sesión plenaria de setembro

Un momento da sesión plenaria de setembro

Carballo xa é unha vila libre de circos con animais. Así o ratifica un acordo plenario subscrito na sesión do luns 26 de setembro que saíu adiante cos votos a favor de BNG e PSOE, a abstención do PP e os votos en contra de TEGA. A moción, presentada conxuntamente por nacionalistas e socialistas, recolle o texto da asociación animalista Libera, na que se aproba a exclusión do municipio dos circos con presenza de animais. Segundo o exposto no texto "os circos usan aos animais como reclamo do público infantil". Por ese motivo "os pequenos e pequenas deste país, a sociedade do futuro, merecen unha educación baseada en valores que inclúan o respecto cara aos seres vivos e a contorna".

O acordo foi apoiado polos votos de BNG e PSOE e contou coa abstención do PP e os votos en contra de TEGA

Xa que logo, a moción aproba "que o Concello de Carballo non autorice, nin promova ou ampare a instalación de circos con animais no termo municipal; declarar o Concello de Carballo Vila libre de circos con animais; que o Concello de Carballo non permita a instalación de publicidade de espectáculos circenses con animais no termo municipal". E, por último trasladar este acordo á Xunta de Galicia, a todos os grupos con presenza no Parlamento de Galicia e ao grupo animalista Libera. Nestes momentos máis de medio centenar de concellos de Galicia teñen subscrito este acordo pola defensa dos dereitos dos animais.

Unanimidade para as bonificacións do ICIO

Por unanimidade, en cambio, saíron adiante as bonificacións no 95 por cento do importe do ICIO (Imposto sobre construcións, instalacións e obras) para a construción de tres naves industriais para outras tantas empresas no Parque Empresarial de Bértoa. As beneficiarias serán Novo Lar, que construirá unha nave de 2.069 metros cadrados nunha parcela de 4.174, cun proxecto de 484.406,52 euros e unha bonificación de 11.504,65 euros; Remifer, que nunha parcela de 2.904 metros edificará unha nave de 1.840 por 517.842 euros e conta cunha bonificación de 12.698,75 euros; e Raxería Río Sil, que dun importe de 363.818,92 euros obtén unha bonificación de 8.640,70 euros. Trátase dun total de 32.844 euros de bonificación.

Cos votos a facor de BNG e PSOE, a abstención do PP e os votos en contra de TEGA aprobouse unha modificación da RPT, Relación de Postos de Traballo do Concello de Carballo, na área de acción social; coa abstención de todos os membros da corporación, excepto o BNG, que votou a favor, aprobáronse en cambio tanto un recoñecemento extraxudicial de crédito correspondente a facturas pendentes do exercicio de 2015 por un importe de 8.344,66 euros; como a Conta Xeral de 2015, despois de superar os trámites burocráticos e o período de exposición pública.

Descargas

Compartir: