Inicio Carballo ao día Hemeroteca Industria asegurará os noiros e as balsas...

VISITA A CARBALLO DO DIRECTOR XERAL DE ENERXÍA E MINAS

Industria asegurará os noiros e as balsas da canteira de Monte Neme e retirará os residuos situados na súa contorna

Xoves 29 de setembro do 2016

Un momento da visita en Monte Neme

Un momento da visita en Monte Neme

A Consellería de Industria, Economía e Emprego, a través da Dirección Xeral de Enerxía e Minas procederá a asegurar os ocos mineiros da canteira de Monte Neme de cara ao inverno e coordinarase cos concellos de Carballo e Malpica para retirar os residuos situados na contorna da mina e que sexan tratados axeitadamente no Punto Limpo de Carballo. Así o explicou Ángel Bernardo Tahoces, Director Xeral de Enerxía e Minas, nunha visita institucional a Carballo na que mantivo unha xuntanza co Alcalde da vila, Evencio Ferrero; co Alcalde de Malpica, Eduardo Parga; co Concelleiro de Obras e Servizos de Carballo, Luís Lamas; con representantes de Tragsa e con varios técnicos.

A actuación incluiría o derivado das escorrentías para evitar que as choivas do inverno provoquen desbordamentos

Segundo explicou Tahoces, o obxectivo prioritario é o de asegurar os noiros das balsas norte e sur, así como derivar as escorrentías para evitar que as choivas do inverno provoquen desbordamentos. No que repecta aos residuos, primeiro identificaranse as áreas onde están situados e logo será cando se trasladen para o seu tratamento. O Director Xeral de Enerxía e Minas subliñou que, aínda que non se trata de residuos relacionados coa explotación mineira, senón máis ben voluminosos de vertedoiros incontrolados, procederase igualmente á súa retirada.

Pendente a rexeneración integral da zona

Unha terceira fase na rexeneración de Monte Neme sería a posta en marcha do Plan de Peche e Abadono da mina aprobado pola Xunta en 2014, pouco despois das riadas provocadas polo desbordamento das balsas. Segundo sinala Tahoces, non se descarta unha reformulación do plan para que, ademais de reforestar a zona, a antiga mina poida ter algún tipo de beneficio engadido para os concellos implicados, Malpica e Carballo, e para os seus veciños e veciñas.

A visita institucional de Tahoces, que comezou cunha xuntanza na Casa do Concello, rematou cunha visita á contorna da mina, na que se identificaron algúns dos vertedoiros incontrolados e na que tamén se procedeu a comprobar o estados dos noiros e das balsas.

Compartir: