Inicio Carballo ao día Hemeroteca Volve a partir do domingo 2 de outubro...

SERÁN DEZ XORNADAS COINCIDINDO COAS FUNCIÓNS DE SALA

Volve a partir do domingo 2 de outubro "Dálle un bocado ao FIOT", cos pinchos máis saborosos en 14 locais hostaleiros

Xoves 29 de setembro do 2016

Dálle un bocado ao FIOT

Un momento da presentación de "Dálle un bocado ao FIOT"

Volve por terceiro ano consecutivo a ruta de pinchos máis teatral da contorna: "Dálle un bocado ao FIOT". Un total de 14 locais hostaleiros e cafetarías da vila participan neste percorrido que invade de creatividade as tapas de Carballo os días de función de sala do Festival Internacional Outono de Teatro. Como cada ano, os bocados poden ser tapas a 2 euros, mais tamén almorzos a tres euros os días 2, 7, 9, 14, 16, 21, 22, 23, 28 e 29 de outubro. Entre todas as persoas que gocen coas delicias da ruta, sortearase unha noite de teatro para o FIOT de 2017, que consistirá en dúas entradas para asistir a unha das funcións do festival, ademais de cea, aloxamento e almorzo esa noite nun local carballés. A gañadora deste ano é Zoe Quintela Viña.

Como cada ano, o obxectivo da ruta é o de complementar unha das citas culturais máis importantes do ano en Carballo, unindo cultura e gastronomía e facendo así partícipes a todos os veciños e veciñas das funcións do FIOT. O Concelleiro de Promoción Económica e Turismo, Xosé Regueira, quixo manifestar a súa satisfacción por que ata 14 locais queiran participar na iniciativa; o Alcalde, Evencio Ferrero, celebra que exista "esta simbiose entre escena, bar e economía que contribué a que o FIOT sexa algo singular".

Animación teatral con Alba Bermúdez e Vagalume

Ao igual que en anos anteriores, os veciños e veciñas que se acheguen aos 14 establecementos poderán tamén gozar con pequenas pílulas de teatro. A actriz carballesa Alba Bermúdez será a encargada de crear, coordinar e dirixir os sketches que se representarán nos bares, que contarán coa interpretación dos rapaces e rapazas afeccionados ao teatro de Coro Vagalume. O obxectivo é, segundo Bermúdez "sacar o teatro dos espazos habituais" a través de "happenings ensaiados" dun par de minutos de duración cos que invadir os locais con moita diversión.

Nos locais que ofrecen almorzos as intervencións serán polas mañás, mentres que no resto, pola noite ou tamén á hora do vermú. O número de actuacións estará repartido de forma equitativa entre todos os establecementos da ruta, para que todos os veciños e veciñas podan ver o espectáculo. 

A listaxe de locais participantes é a seguinte:

  • Cervexaría A Bombonera
  • Cafetaría Pazo da Cultura
  • A Barra Bar
  • Vinoteca Ánfora
  • Restaurante Oasis
  • Café Valle Inclán
  • Cafetaría Abastos
  • Cervexaría Dublín
  • Cafetaría Xorima
  • Cervexaría Ágora
  • Mesón A Cabaña
  • Mesón O Casino
  • Café Colón
  • Taller de Repostería Tomasa



Galería

Compartir: