Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Apego pola lingua dende o berce chega xa...

ONCE NOVOS MUNICIPIOS SÚMANSE AO PROGRAMA COOPERATIVO

O Apego pola lingua dende o berce chega xa ás familias de 23 concellos e a máis do millón de habitantes

Xoves 29 de setembro do 2016

Unha das actividades de Apego en Carballo

Unha das actividades de Apego en Carballo

Despois de que na primavera deste ano se adherisen ao programa Apego os concellos da Coruña, Ames, Mazaricos, Moaña, Muros, Oleiros, Ponteceso, Rianxo, Ribadeo, Teo e Vimianzo, chega agora o momento no que comezan a traballar de maneira efectiva na súa aplicación coas familias interesadas en incorporar o galego á crianza das súas fillas e fillos nos respectivos municipios. Estes once concellos súmanse aos doce que puxeron en marcha a iniciativa en 2015 (A Baña, Carballo, Carnota, Ferrol, Narón, Negreira, Ourense, Pontevedra, Redondela, Rois, Santiago e Vigo) co impulso inicial da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL). Grazas a esta colaboración intermunicipal, a poboación atinxida polo programa Apego supera xa o millón de habitantes.

Apego procura aumentar a porcentaxe de nenos e nenas que reciben o galego desde o berce e arroupar o seu uso no proceso de socialización ata os 6 anos

Apego procura aumentar a porcentaxe de nenos e nenas que reciben o galego desde o berce e arroupar o seu uso no proceso de socialización ata os 6 anos. Dentro das accións que se realizan, a máis coñecida xa é a entrega de cadansúa caixa con información e recursos en galego ás familias que acceden a formar parte da comunidade do programa. A partir desa adhesión, reciben periodicamente información e propostas para que os seus fillos e fillas se acheguen á lingua e á cultura galegas con naturalidade desde as primeiras idades. Para lograr isto, ademais dos espazos na rede onde se facilitan recursos (<www.apego.gal> e <www.facebook.com/apego.gal>), varios concellos publican materiais específicos para divulgar a oferta de actividade infantil e tamén reforzan a programación con convocatorias nas que as nenas e nenos poden gozar, aprender e relacionarse na nosa lingua.

Vídeos para difundir o proxecto

Grazas ao medre do proxecto, coas novas incorporacións, Apego está xa producindo novos recursos, nesta ocasión materiais audiovisuais para a súa difusión nas redes. Trátase de pezas de vídeo para transmitir os obxectivos do proxecto, explicarlles o funcionamento ás persoas que desexen sumarse e divulgar de xeito atractivo algúns contidos que, ben seguro, as nais e pais han considerar útiles (unha canción para ir durmir composta especialmente para este proxecto, xogos de dedos, os sons dos animais, as cores, as froitas, como atar os cordóns...). A distribución destes materiais farase a partir da canle en Youtube do proxecto Apego e tamén das súas redes sociais.

Os dous primeiros deste vídeos poden verse aquí:

- Apego, pola vida e pola lingua (vídeo promocional): https://youtu.be/pn5DITk4vE0

-
Únete ao Apego, pola lingua
(vídeo explicativo): https://youtu.be/_icSM7SAfyU 

O proxecto Apego desenvólvese desde os servizos de normalización lingüística (SNL) dos concellos participantes, a onde se poden dirixir as persoas que desexen máis información ou sumarse á comunidade de usuarias.

Compartir: