Inicio Carballo ao día Hemeroteca Kulunka Teatro abre o domingo 2 de outubro unha...

CATRO NOVIDADES E UNHA PREESTREA NO PROGRAMA

Kulunka Teatro abre o domingo 2 de outubro unha programación de sala do FIOT que conta con numerosas estreas

Venres 30 de setembro do 2016

Kulunka Teatro

Un momento de "Solitudes"

A programación de sala está considerada como a “xoia da coroa” do Festival Internacional de Outono de Teatro (FIOT) de Carballo e, na súa 25ª edición, o título é máis que merecido: dez obras nacionais e internacionais, das que catro correspóndense con estreas (unha absoluta e tres en Galicia) e unha preestrea. Kulunka Teatro, co seu espectáculo “Solitudes” (7 €), será a encargada de iniciar as funcións de sala o 2 de outubro (21.00 horas). A través do humor, esta sinxela historia afonda nas relacións humanas, a incomunicación e a necesidade de afecto. Kulunka é unha compañía que xa estivo previamente no FIOT, deixando unha fonda pegada.

O Tolleito de Inishmaan, La Crazy Class e Sueño de una noche de verano comezan a súa andaina no festival carballés

Dirixida por Iñaki Rikarte, a obra conta a viaxe por universos cotiáns que, combinando a gravidade co sorriso, conmove, sorprende e invita á reflexión. A sensibilidade e especial técnica a través do uso de máscaras desta compañía teatral vasca xa percorreu máis de 25 países en catro continentes, realizando preto de 500 funcións. A programación de sala será testemuña de numerosas estreas. Destacan a estrea absoluta de “O Tolleito de Inishmaan” o 14 de outubro, “La Crazy Class” (16 de outubro) e “Sueño de una noche de verano” (22 de outubro). Por primeira vez tamén chega a Galicia a obra “La estupidez” (29 de outubro), da compañía Feelgood Teatro, unha hilarante road-movie interpretada por coñecidos rostros do panamorama televisivo como Fran Perea e Toni Acosta.

Actividades do Fiotiño

O sábado 1 de outubro, os máis cativos poderán participar na primeira xornada da actividade “Pequeperiodistas”, a través da cal poderán facer un seguimento informativo do FIOT. Isto permitiralles aprender a redactar novas ao tempo que entran en contacto co mundo escénico. Celebrarase na Biblioteca Rego da Balsa de 10:30 a 13:00 h. Está dirixido a 15 nenos a partir de 10 anos e a inscrición é gratuíta.

O mesmo día, no Mercado Municipal, os Farrés Brothers realizarán unha viaxe revolucionaria que rozará os límites da realidade con “Tripula” (ás 12:30, 17:30 e 19:30 h). É posible que esta actividade se traslade ao Pazo da Cultura debido a cuestións técnicas, o que se comunicará a través das redes sociais e mediante carteis no propio Mercado. As entradas venderanse unha hora e media antes do inicio de cada sesión, en horario de taquilla.

Para máis información sobre o resto da programación, visita a web do FIOT.

Compartir: