Inicio Carballo ao día Hemeroteca Obradoiros, faladoiros, contacontos,...

TODAS AS CITAS SON DE BALDE

Obradoiros, faladoiros, contacontos, proxeccións e moitos libros: na programación de outono da Biblioteca Rego da Balsa

Venres 30 de setembro do 2016

Contacontos de Trinke Trinke na Biblioteca Rego da Balsa

Contacontos na Biblioteca

Xa temos acabada de saír do forno a programación da Biblioteca Rego da Balsa para o outono deste ano. Coma sempre, moitos contacontos, faladoiros, obradoiros, proxeccións e libros, moitos libros para todos os usuarios e usuarias que se queiran achegar ás instalacións da rúa Bos Aires entre o 1 de outubro e o 1 de decembro. Coma sempre, todas as citas son de balde aínda que algunhas precisan inscrición previa. Entre as novidades, hai que subliñar o comezo do ciclo "Avoas e avós contan...", que, na mesma liña que o "Nais e pais contan..." fará que os máis maiores da casa se animen a contarlles historias aos máis cativos e cativas. Ademais, para axudarlles a perder o medo, os interesados e interesadas poderán participar no obradoiro "Mil e unha historias para contar", no que aprenderán técnicas para transmitir os contos de antes ás xeracións de agora.

Os instrumentos musicais ou o mundo da arte serán algúns dos protagonistas dos obradoiros, para nenos e nenas pero tamén para público adulto

Os obradoiros forman tamén parte fundamental da programación. Este trimestre con especial atención ao FIOT cos obradoiros de Pequexornalistas do Fiotiño, pero tamén cun taller moi especial que impartirá Emi de las Heras, da Asociación Crea Formas nunha "Viaxe ao mundo da arte". Os participantes poderán fomentar a súa sensibilidade artística cun percorrido dende as pinturas máis antigas ata a arte contemporánea. Será os sábados pola mañá. Tamén haberá cun obradoiro de "Percusión consciente" para todos os públicos, incluídos os adultos, con tambores, paos de choiva e outros instrumentos que nos farán vibrar ao ritmo do noso corazón, sentindo cada nota.

Presentacións literarias

As presentacións literarias non podían faltar con autores como Susana Sánchez Arins que presenta o seu poemario "Seique"; Paco Souto e Verónica Martínez con literatura erótica e "Ode à Madison Ivy", con dous poetas que dominan este xénero literario tan apaixoado; e repetimos con Paco Souto que presenta "E caín", o libro co que o autor celebra os 30 anos pasados dende o seu primeiro recital. Unha obra moi especial que mestura mitoloxía, erotismo e escrita.

Volven tamén os contacontos polas tardes para os máis cativos e cativas. Haberá varias proxeccións de varias pezas audiovisuais, faladoiros de temáticas variadas, que van dende o mundo dos negocios ata as manualidades pasando por unha viaxe polas nosas asociacións tradicionais con Arume de Berdillo. E, como vén sendo tamén habitual, hai tempo para conmemorar as datas sinaladas, con actividades para conmemorar o Día das Bibliotecas e tamén o aniversario das instalacións da Rego da Balsa, o 24 de outubro; ou obradoiros especiais con motivo do Samaín.

Podedes descargar os horarios e datas de todas as actividades nun documento en pdf máis abaixo nesta mesma nova.

Descargas

Compartir: