Inicio Carballo ao día Hemeroteca Comezan as reunións coa veciñanza...

O MÉRCORES 5 EN ARDAÑA E O XOVES 6 EN OZA

Comezan as reunións coa veciñanza nas parroquias carballesas para avanzar na constitución dos Consellos Parroquiais

Martes 4 de outubro do 2016

Última xuntanza veciñal para informar sobre os Consellos Parroquiais

Última xuntanza veciñal celebrada en setembro para informar sobre os Consellos Parroquiais

Esta semana comezan en Carballo as primeiras xuntanzas nas parroquias do municipio para avanzar na constitución dos Consellos Parroquiais como mecanismos de participación cidadá. O obxectivo destas reunións é o de ampliar a participación e darlle a oportunidade a calquera persoa que o desexe de integrarse no Consello da súa parroquia. As reunións terán lugar a partir do mes de outubro ata celebrar unha por cada parroquia de Carballo -agás a capital municipal- nas que se informará polo miúdo deste proceso. O obxectivo final destas reunións, ademais de informar, será a de constituír o primeiro Consello de cada parroquia, dando cabida a todas as persoas interesadas a participar neles. O mércores 5 de outubro a primeira xuntanza é en Ardaña; mentres que o xoves 6 de outubro será en Oza. Nos dous casos ás 20.30 h. Convidamos a todos os veciños e veciñas a que se acheguen para participar.

O obxectivo é dar cabida a todas as persoas interesadas en participar no proceso para crear canles de comunicación directa co Concello

Hai que lembrar que o Concello leva dende o mes de maio traballando nun proxecto de participación veciñal que fructificará coa creación dos Consellos Parroquiais, mecanismo recollido no Regulamento de Participación Cidadá. Estes órganos están concibidos como espazos de inclusión para a veciñanza das parroquias que poderán estar en comunicación directa co Concello, facer consultas, obter información e presentar propostas para a xestión municipal.

Asociacións e veciños e veciñas a título individual

Os Consellos Parroquiais están abertos á participación de todas as asociacións que xa existen nas parroquias, así como con todas as veciñas e veciños que o desexen. Por iso, durante os meses de maio e xullo celebráronse seis encontros con asociacións, abertos a toda a veciñanza interesada, e nos cales as persoas de distintas parroquias manifestaron xa o seu interese en formar parte dos Consellos. Os avances feitos até o de agora poden consultarse clicando aquí.

Aquelas persoas que non teñan a posibilidade de estar na reunión da súa parroquia e teñan interese en sumarse ao Consello Parroquial, poden manifestalo chamando ao teléfono 608 201 251 ou no enderezo electrónico <consellosparroquiaiscarballo@gmail.com>. Os interesados e interesadas tamén poden empregar estas canles para consultar calquera dúbida existente sobre o proceso.

Compartir: