Inicio Carballo ao día Hemeroteca A Escola do Espectador do FIOT estrea a...

OS DÍAS 4, 11, 18 E 25 DE OUTUBRO ÁS 20.00 H.

A Escola do Espectador do FIOT estrea a súa terceira edición, de novo baixo a dirección do crítico Camilo Franco

Martes 4 de outubro do 2016

Escola do Espectador

Unha edición anterior da Escola do Espectador

A Escola do Espectador do Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) de Carballo inicia este martes 4 de outubro a súa terceira edición para continuar achegando o feito teatral aos espectadores a partir das obras incluídas na programación de sala. O obxectivo principal desta iniciativa é formar aos espectadores do FIOT (que teñen unha fidelidade do 98 por cento) naqueles aspectos artísticos e técnicos que permitan a comprensión das dez obras que se representarán no auditorio do Pazo da Cultura durante todo o festival.

As sesións, abertas a todos os afeccionados e afeccionadas ao teatro, serán todos os martes ás 20.00 horas no Pazo da Cultura

Un dos críticos teatrais máis relevantes de Galicia, Camilo Franco, volverá ser o encargado de conducir as catro sesións previstas, que se celebrarán todos os martes ás 20.00 horas no mesmo Pazo da Cultura ata o próximo 25 de outubro, aínda que as datas están suxeitas a posibles modificacións. Durante estas aulas abertas, Camilo Franco reparará nos distintos discursos que teñen unha función no teatro: o textual, xestual, lumínico, a dirección ou a interpretación a partir de distintos xéneros, entre os que a comedia é a tónica xeral desta edición do festival. Estas sesións completaranse con encontros cos equipos artísticos dalgunhas compañías.

Unha temática por sesión

A Escola do Espectador procura que os seus participantes amplíen a súa lectura e formen unha opinión fundamentada sobre todos os elementos que compoñen unha función, converténdose deste xeito nun instrumento de aprendizaxe e aproveitamento cultural. Cada sesión centrarase nunha temática concreta que, ao mesmo tempo, estea relacionada coas historias que se representarán sobre os escenarios.

Para os amantes do teatro que queiran ampliar a súa mirada e aprender a mirar e ver, na primeira sesión do 4 de outubro aproveitarase a celebración do 25 anos de traxectoria do FIOT para mirar ao pasado e comparalo co teatro actual. Os interesados e interesadas en participar poden anotarse no enderezo electrónico <fiot.carballo@gmail.com> ou no teléfono do Pazo da Cultura, 981 704 300 ext. 2.

Compartir: