Inicio Carballo ao día Hemeroteca O FIOT acolle a preestrea de "Iván...

VENRES 7 DE OUTUBRO ÁS 21.00 H. - ENTRADA 10 EUROS

O FIOT acolle a preestrea de "Iván off" unha "experiencia teatral única" que rescata a un Chejov emocionante, pero tamén divertido

Mércores 5 de outubro do 2016

Rolda de prensa

Presentación de "Iván off" no escenario do Pazo da Cultura e con parte do atrezzo

Unha "experiencia única", un texto "fantástico, conmovedor e divertido", unha proposta na que os actores traballan "coa verdade absoluta", unha aposta novedosa e contemporánea dun texto de Antón Chejov. Son só algunhas das frases que serven para describir "Iván off", a obra de teatro que a compañía La Casa de la Portera ofrece este venres 7 de outubro no FIOT Carballo. Son verbas de José Martret responsable da dirección e da adaptación do texto, de Alberto Puraenvidia, creador do espazo escénico desta novidosa peza, e de Alberto Sueiro, director da AC Telón e Aparte,

A proposta sae por primeira vez de Madrid e de funcións para unha trintena de espectadores para visitar os teatros

"Iván off" sae por primeira vez de Madrid, das paredes dun piso e de funcións para unha trintena de espectadores para vestirse de gran formato e seguir engaiolando ao público, que apoiou durante anos esta proposta, mais esta vez dende os teatros. José Martret asegura que están "encantados de que a pre estrea sexa en Carballo no 25 aniversario do FIOT" e cun público "que segue enchendo o auditorio edición tras edición". Ademais, considera que é un privilexio compartir cartel con "números 1 do teatro" como L'Om Imprebís ou Sexpeare, entre outros.

Una obra imprescindible no 25 FIOT

Para falar de "Iván off" hai que falar das súas orixes como La Casa de la Portera: unha función de once actores pero tan só para arredor de 30 espectadores nun piso de Madrid e na que o público ía seguindo a acción mudando de habitación e a medio metro de distancia dos intérpretes. Martret e Puraenvidia admiten que foi un reto pegar o salto para o teatro máis convencional, no que o público o vive dende unha bancada e no que o espazo escénico está delimitado.

O cambio supuxo modificacións na escena, que xira arredor dun muro; e tamén a nivel formal e interpretativo. Pero Martret asegura que o texto "que fala de cousas e sentimentos moi actuais" fará que o público "se emocione, pero que tamén se divirta e mesmo que bote a rir". Eles tamén están impacientes por ver a reacción do espectador nesta primeira función fóra da súa "casa". O Concelleiro de Cultura, Marcos Trigo, desexoulle sorte á compañía nesta preestrea e que sigan levando a función polos teatros por moitos anos. Trigo asegura que, seguindo as recomendacións de Alberto Sueiro, "Iván off" é unha obra importante que é imprescindible este ano na programación do FIOT.

A cita, o venres 7 de outubro ás 21.00 horas no Pazo da Cultura. Entrada 10 euros e duración aproximada do espectáculo 120 minutos. Os tickets, podedes compralos clicando aquí.

Ligazóns

Compartir: