Inicio Carballo ao día Hemeroteca A exposición "A biomasa na túa...

ESTARÁ NA PRAZA DO CONCELLO ATÉ O DOMINGO 9 DE OUTUBRO

A exposición "A biomasa na túa casa" visita Carballo para concienciar sobre as vantaxes desta enerxía renovable

Xoves 6 de outubro do 2016

O Alcalde, Evencio Ferrero, visitou a mostra cun dos responsables da exposición

O Alcalde, Evencio Ferrero, visitou a mostra cun dos responsables da exposición

Carballo acolle até o domingo 9 de outubro a exposición itinerante "Biomasa na túa casa", que ten como obxectivo contribuír á concienciación da cidadanía sobre as vantaxes de empregar esta fonte de enerxía en fogares e empresas como alternativa real aos combustibles fósiles. A mostra está organizada pola Asociación Española de Valorización Energética de la Biomasa (Avebiom) e o Instituto para la Diversificación y Ahorro de la Energía (IDAE) coa colaboración do Instituto Enerxético de Galicia (Inega). O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, visitou a mostra acompañado dun dos técnicos de Avebiom, Juan Jesús Ramos, e de alumnado do IES Universidade Laboral da Coruña que tamén puido acceder á caldeira de biomasa da Casa do Concello.

Galicia é líder en España en produción de pellets e a biomasa contribúe en grande medida ao noso aforro enerxético

A exposición conta cun posto no que se explica o proceso de produción de biomasa e os seus usos como combustible, así como toda unha serie de datos sobre o aforro que implica esta fonte de enerxía fronte ao gas ou o gasoil. Segundo explica Ramos, 2 kg de pellets renden o mesmo que 1 litro de gasoil, o que hoxe en día pode supoñer un aforro de máis de 20 céntimos por litro. Galicia é a primeira comunidade de España en produción de pellets, polo que a biomasa ocupa a primeira posición en canto a fontes de orixe autóctona en Galicia, por diante do vento e da auga, contribuíndo así á eficiencia e o aforro enerxético en fogares, fábricas e na propia administración pública, como ocorre no Concello de Carballo.

Redución de custes

Ademais dun stand informativo, a mostra conta con postos instalados por empresas e entidades encargadas da instalación de caldeiras de biomasa, así como do subministro do combustible, que, ademais de pellets elaborados a partir de materia forestal, tamén pode consistir en froitos secos, ósos de olivas, etc.

Os responsables da exposición teñen como obxectivo informar acerca deste tipo de combustible descoñecido "por unha porcentaxe moi elevada de xente", segundo Ramos. E tamén presentar as distintas opcións para aquelas persoas que estean interesadas en apostar por esta fonte de enerxía que, ademais de supoñer un aforro importante, tamén axuda a protexer os nosos recursos naturais.



Galería

Compartir: