Inicio Carballo ao día Hemeroteca Constituídos en Ardaña e Oza os...

POLÍTICOS, VECIÑANZA E ASOCIACIÓNS INTEGRAN OS ORGANISMOS

Constituídos en Ardaña e Oza os primeiros Consellos Parroquiais de Carballo, novos mecanismos de participación veciñal

Venres 7 de outubro do 2016

Un momento da consitución do Consello Parroquial en Oza

Un momento da consitución do Consello Parroquial en Oza

Carballo conta xa cos dous primeiros Consellos Parroquiais e empeza a facer historia en iniciativas de participación veciñal. O mércores quedou constituído o Consello Parroquial de Ardaña nunha xuntanza á que acudiron máis de trinta persoas, e o xoves botou a andar o de Oza tras outra sesión pública que reuniu a máis de corenta persoas. O proceso, pioneiro na Costa da Morte e en boa parte de Galicia acaba de comezar, xa que nas vindeiras semanas será convocada tamén a veciñanza das outras 15 parroquias rurais.

As próximas xuntanzas do mes de outubro serán nas parroquias de Rus, Sísamo e Sofán; as restantes nos meses de novembro e decembro

No calendario deste mes figuran xuntanzas abertas en Rus (martes 11, ás 20.30 horas, no local social de Ramil), Sísamo (martes 18, ás 20.30, no centro social) e Sofán (xoves 27, ás 20.30, no centro social). As restantes celebraranse entre novembro e decembro. Deste xeito, antes de que remate o ano saberemos en que parroquias se abre esta nova canle de comunicación directa bidireccional entre o Concello de Carballo e a cidadanía.

Calquera persoa pode sumarse aos consellos

O Consello Parroquial de Ardaña estará integrado por representantes dos grupos políticos municipais, da asociación de veciños Santa María de Ardaña e da Asociación Cultural Amigos de Ardaña, pero ademais da corporación e do movemento asociativo, entre os 16 integrantes do grupo tamén figuran veciños e veciñas a título individual. Nestes primeiros órganos de participación non se limita a participación, senón máis ben todo o contrario, e xa nas dúas primeiras xuntanzas celebradas quedaron abertas as portas a todas aquelas persoas que queiran sumarse a partir de agora.

En Oza o Consello Parroquial contará, en principio, con 12 membros, varios deles representantes da Asociación de Veciños Torre e polo que se viu onte será interxeracional e paritario.

Polo de agora os Consellos Parroquiais son órganos consultivos, mais o obxectivo é que vaian gañando peso na toma de decisións

Tanto en Ardaña coma en Oza realizouse, por parte do alcalde, Evencio Ferrero, e dos técnicos da empresa encargada do desenvolvemento do proceso, unha presentación do proxecto e unha exposición dos pasos dados ata o momento. “É importante fomentar a participación”, destacou o alcalde, que avogou por seguir dando pasos e camiñar cara uns orzamentos participativos. Os Consellos Parroquiais, como figura no Regulamento Municipal de Participación Cidadá, son órganos consultivos, pero dende o goberno municipal de Carballo preténdese que vaian gañando peso, paulatinamente, na toma de decisións.

Difundir o proceso

Con ese obxectivo prioritario de acadar unha maior participación social, nestas primeiras xuntanzas tamén se abordaron as formas de realizar unha difusión o máis ampla posible do traballo que se está a facer e do que vaian facendo os Consellos Parroquiais no futuro: páxina web, redes sociais, taboleiros de anuncios... O obxectivo é seguir sumando. Tamén se falou sobre a periodicidade das sesións. As ordinarias, como recolle o regulamento, serán cada catro meses (en Ardaña quedou fixada a seguinte para o 3 de febreiro e en Oza, para o 9 do mesmo mes), pero os Consellos Parroquiais poderán reunirse de maneira extraordinaria se xorden cuestións de interese.

Calquera dúbida sobre este proceso pode ser consultada no teléfono 608 201 251 ou no enderezo electrónico <consellosparroquiaiscarballo@gmail.com>.

Compartir: