Inicio Carballo ao día Hemeroteca Luz verde na Xunta de Goberno para o contrato de...

APROBADO YOUTUBEIR@S, PROXECTO DE NORMALIZACIÓN DA LINGUA

Luz verde na Xunta de Goberno para o contrato de obras que permitirá a construción dun Centro Social en Ardaña

Luns 10 de outubro do 2016

Ardaña

Vista da Igrexa de Ardaña

A Xunta de Goberno Local reunida en sesión ordinaria, vén de aprobar o expediente de contratación para licitar as obras para a construción dun Centro Social en Ardaña. O prezo de licitación dos traballos ascende a 389.214,52 euros (IVE incluído) e o procedemento é aberto con varios criterios de adxudicación entre os que está a oferta económica (cun máximo de 20 puntos con melloras por un máximo de 20 puntos), o programa de traballo, o programa de actuación medioambiental, o plan de control de calidade ou o plan de seguridade e saúde. As empresas poderán presentar as ofertas nun prazo de 26 días naturais a contar dende o día seguinte ao da publicación do anuncio no Boletín Oficial da Provincia (BOP).

O orzamento para a construción do novo equipamento en Ardaña ascende a 389.214,52 euros e o prazo de presentación de ofertas é de 26 días

A sesión tamén supuxo luz verde para o contrato administrativo de servizos de "Mantemento dos ascensores e aparatos elevadores do Concello de Carballo" mediante procedemento aberto cun criterio único de adxudicación (prezo). O presuposto anual do contrato é de 30.000 euros (IVE Incluído) e o prazo de aplicación previsto é de catro anos coa posibilidade de establecer dúas prórrogas dun ano. Por último, no apartado de contratación tamén saíu adiante o expediente do contrato administrativo de servizos de "Gabinete de comunicación do Concello de Carballo" por un prazo de tres anos coa posibilidade de establecer unha prórroga dun ano, previo acordo das partes.

Difusión do galego no audiovisual

A orde do día tamén recolle a aprobación do proxecto "Youtubeir@s", enmarcado dentro do programa Apego, para o fomento de vídeo-titoriais e vídeo-opinións en galego na rede. Carballo asinará un protocolo de colaboración no que tamén están incluídos os concellos de Ames, A Baña, A Coruña, Mazaricos, Ourense, Pontevedra, Ribadeo, Santiago de Compostela, Teo e O Grove, así como as universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo. Os obxectivos do programa son incrementar o uso do galego como lingua vehicular no audiovisual a través das principais plataformas de vídeo en Internet, procurar a incorporación de contidos propios no fenómeno da produción de vídeos, ampliar a difusión dos vídeos en galego na rede e contribuír á revalorización da lingua.

Por último, no apartado de subvencións hai que mencionar a aprobación das "Bases reguladoras da convocatoria de subvencións destinadas á promoción e ao fomento do deporte escolar no Concello de Carballo durante o Curso 2016-2017: financiamento de escolas deportivas de base en horario extraescolar nos centros de ensino dirixidas a nenos e nenas que cursan Educación Infantil e Primaria". O importe total destinado á concesión destas subvencións é de 30.000 euros. En próximas datas publicarase a convocatoria das axudas. Ademais,aprobouse a concesión da subvención "Carballo activa" do fomento do emprego a unha empresa carballesa pola contratación dunha alumna dun Curso de Auxiliar de Comercio.

Compartir: