Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Bergantiños acaba de estrear o novo...

OS TRABALLOS TIVERON UN IMPORTE DE 368.000 EUROS

O Bergantiños acaba de estrear o novo céspede do Campo de As Eiroas que xa están funcionando a pleno rendemento

Martes 11 de outubro do 2016

As categorías inferiores xa adestran no novo céspede

As categorías inferiores xa adestran no novo céspede

O domingo 9 de outubro o fúbol de terceira división serviu para inaugurar o novo céspede do Campo de As Eiroas, unha nova alfombra de herba artificial, monofilamento, de última xeración que substitúe ao anterior céspede de nove anos de antigüidade e deteriorado polo uso. Antes de que o Bergantiños saltase ao campo para gañarlle ao Dubra, dous nenos das categorías inferiores do club realizaron o saque de honra para dar o primeiro pase nas novas instalacións.

As instalacións contan cunha nova alfombra de herba artificial, monofilamento, de última xeración

Os traballos, incluídos no Plan de Acción Social (PAS) 2015 da Deputación Provincial da Coruña foron realizados dende finais de agosto e durante todo o mes de setembro pola Unión Temporal de Empresas (UTE As Eiroas) formada por Lancer Proyectos y Obras SA e Viviendas y Obras Civiles SA, por un prezo de adxudicación de 368.240,76 euros (IVE incluído).

Substituíronse máis de 7.200 metros cadrados

O proxecto, ademais da substitución da herba artificial, supuxo a renovación para mellorar a base asfáltica existente, revisando as pendentes para facilitar a drenaxe en momentos de choiva. A superficie de herba a substituír foi de máis de 7.200 metros cadrados. O contrato tamén incluíu a substitución das portarías, tanto de fútbol 11 como de fútbol 7, os banderíns de córner e os bancos.

O equipamento retirado permanece en almacéns municipais ata que sexa necesario para usalo noutras instalacións. O terreo de xogo presenta a marcaxe de fútbol 11 en cor branca e dous campos de fútbol 7 transversais en cor azul. Dende o luns 10 de outubro as instalacións xa están funcionando a pleno rendemento, tanto cos adestramentos dos clubs sénior das diferentes categorías como cos das escolas deportivas.

Compartir: