Inicio Carballo ao día Hemeroteca Humor, comedia musical e provocación...

CON NOMES COMO SARA ESCUDERO OU SERGIO PAZOS

Humor, comedia musical e provocación amenizan Carballo na festividade do 12 de outubro grazas á Rúa dos Contos

Martes 11 de outubro do 2016

8mm. Teatro

8mm. Teatro estarán no Mesón A Cabaña

Os espectáculos da Rúa dos Contos do Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) amenizarán os locais de hostalaría de Carballo con moitas doses de humor, comedia musical e provocación durante as noites do 11 e 12 de outubro, coincidindo coa festividade do Día do Pilar. Na noite do 11 de outubro, a compañía 8 mm. Teatro levará ao bar A Cabaña (21.00 h.) o seu espectáculo “Unha historia de amor ao Tarantino”, unha comedia macabra cunha chiscadela do xenial e polémico director de cine americano.

Amplíase en 40 prazas o aforo para poder ver o sábado 15 de outubro a Xosé Touriñán e Pepo Suevos en Dous homes e un vespino

A continuación, no Valle Inclán (22.30 h.), o incombustible Sergio Pazos será o protagonista do monólogo cómico “Rebento se non o conto” (4 €), no que dialogará co público e destripará tópicos, mentiras piadosas e medias verdades con moita retranca. A medianoite, O Patacón gozará do musical cómico e negro “De revista”, do dúo Amargo Sueco, no que o humor, a música e a provocación servirán para falar do éxito, a fama, o amor e a felicidade.

Sara Escudero: o 12 de outubro no Mercado

Sara Escudero

Sara Escudero

O 12 de outubro, no Mercado Municipal (20.00 h) volve a Carballo Sara Escudero, gañadora do último certame de El Club de la Comedia. Co seu espectáculo “No despiertes a la rana” (5 €), conta a perspectiva vital de todos os que nos vemos obrigados a medrar e defender as nosas crenzas (ou tolemias) por riba de todo. Ata mañá pódense mercar entradas no portal Ticketea.com e tamén no Mercado Municipal desde unha hora e media antes do comezo do espectáculo.

Respecto á estrea absoluta “Dous homes e un vespino” (5 €) que Xosé Touriñán e Pepo Suevos protagonizarán o sábado 15 de outubro no Mercado Municipal, increméntase o aforo en 40 localidades debido á alta demanda de entradas, que se poden adquirir a través da plataforma de televenda Ticketea.com, no teléfono 902 044 226 ou no mesmo Mercado o día da función.

Escola do espectador

Este martes tamén terá lugar unha nova edición da Escola do Espectador no Pazo da Cultura de Carballo (19.30 h), na que Camilo Franco abrirá o debate sobre como evoluciona o espectador con respecto ao teatro co paso do tempo e como cambia a súa forma de mirar as artes escénicas.
 
A Escola do Espectador é unha actividade aberta e informal, pensada para todo tipo de espectadores non expertos pero que si están interesados no teatro e en coñecer algunhas das súas claves, de xeito que poidan gozar e interpretar mellor as obras que se representan no FIOT.

Compartir: