Inicio Carballo ao día Hemeroteca O FIOT estrea "O tolleito de...

CÁNDIDO PAZÓ ASINA A ADAPTACIÓN DO AUTOR MARTIN MCDONAGH

O FIOT estrea "O tolleito de Inishmaan", unha proposta de Contraproducións e o festival chea de "emoción, melancolía e risa"

Martes 11 de outubro do 2016

Gran parte do elenco de O tolleito de Inishmaan no escenario do Pazo da Cultura

Gran parte do elenco de "O tolleito de Inishmaan" no escenario do Pazo da Cultura

O Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) volve a coproducir unha obra teatral, esta vez con Cándido Pazó e Belén Pichel con Contraproducións e para que o autor irlandés Martin McDonagh visite unha vez máis o Pazo da Cultura, desta volta con "O tolleito de Inishmaan". Xa o fixera da man de Kiko Cadaval con "Un cranio furado" ou "Oeste solitario"; ou con Il Maquinario Teatro e "O home almofada". Agora, este dramaturgo que, como explica Evaristo Calvo, un dos intérpretes deste "tolleito", "vén do Bergantiños de Irlanda", volve a ofrecer para o público carballés "un teatro a cabalo entre o humor e o drama; entre a emoción, a melancolía e a risa", segundo as verbas de Cándido Pazó, responsable da adaptación.

Cándido Pazó e o responsable da adaptación do texto de Martin McDonagh, autor de títulos como O home almofada ou Un cranio furado

Segundo explica Pazó, "de sempre houbo unha querencia en Galicia polo teatro irlandés" porque "ten algo que fai que pareza un teatro noso", ofrecendo tipos e espazos que nos resultan familiares. No caso de Martin McDonagh esa querencia é aínda máis pronunciada, xa que mantén ese aire fatalista que ás veces caracteriza ao humor galego, e no que "traballa coa risa sobre as desgracias alleas", segundo explica o actor malpicán Santi Romay, o "tolleito" da función e que xa ten experiencia co teatro de McDonagh, ao igual que Calvo, xa que teñen interpretado con anterioridade algúns dos seus personaxes.

Oito actores e actrices enriba do escenario

Completan o elenco, de oito actores e actrices enriba do escenario, Ana Santos, que cualifica o texto de Pazó como "delicioso"; Marcos Pereiro, amplamente coñecido pola súa traxectoria artística con Touriñán como a metade de Mucha e Nucha e que agora proba co teatro; a actual Xograresa de Outono ata que tome o relevo Miguel de Lira, Susana Dans, moi contenta de poder traballar con actores e actrices cos que nunca antes tivera a oportunidade de compartir escenario; e Luis Iglesia, Ricardo de Barreiro e María Roja, que non pudieron estar na presentación do espectáculo no Pazo da Cultura.

"O tolleiro de Inishmaan" estrea en Carballo despois dun pase privado con público na Illa de Arousa que deixou moi bo sabor de boca. O argumento xira arredor dunha pequena illa irlandesa, que ben podería ser unha aldea galega. Nela habitan seres máis ou menos adorables, máis ou menos odiosos que, nun mundo illado, viven as súas vidas cativas como poden e como saben. Entre eles, un eivado que persegue un soño que nel parece empresa imposible: ser amado e valorado como calquera outro.

A estrea é o venres 14 de outubro, mais o pase para o público en xeral é o sábado 15 de outubro ás 21.00 horas no Pazo da Cultura. Podedes comprar as entradas clicando aquí.

Compartir: