Inicio Carballo ao día Hemeroteca As oficinas de Seguridade Alimentaria situadas no...

AS DEPENDENCIAS DA XUNTA OCUPARÁN UN ESPAZO NO 1º ANDAR

As oficinas de Seguridade Alimentaria situadas no Parque Empresarial de Bértoa trasladaranse á nave 1 do Fórum

Luns 17 de outubro do 2016

Visita de Cristina Pérez Fernández

Un momento da visita de Cristina Pérez Fernández

Os departamentos de Seguridade Alimentaria dependentes da Consellería de Sanidade que até o de agora estaban ocupando un edificio de titularidade municipal situado na entrada do Parque Empresarial de Bértoa trasladaranse ao 1º andar da nave 1 do Fórum Carballo. Así se confirmou hoxe nunha visita da Xefa Territorial de Sanidade, Cristina Pérez Fernández, na que estivo acompañada dun veterinario da Xunta e do deputado autonómico Aurelio Núñez Centeno, e na que foi recibida polo Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero.

Ocuparán parte do primeiro andar, xusto enriba do auditorio, do que Sanidade tamén espera tirar proveito no futuro

Despois dunha breve recepción na Casa do Concello, a comitiva visitou as instalacións do Fórum Carballo, nomeadamente a nave 1 na que finalmente estarán situadas as oficinas da Consellería de Sanidade. Pérez Fernández manifestou en todo momento a vontade da Xunta de efectuar o traslado o antes posible e gabou as instalacións do Fórum, que cualificou de "excelentes". Unha vez se efectúe o traslado, as instalacións municipais do Parque Empresarial de Bértoa (anteriormente denominado Centro de Promoción Económica - CPEC) pasarán a ser empregadas polos empresarios e emprendedores da Comunidade de Propietarios do Polígono, que realizaron esta petición de uso diante do Concello.

Centralización de servizos

O Fórum Carballo pasará así a centralizar boa parte dos servizos que ofrece a Xunta de Galicia no Concello, así como todos os relacionados con Formación e Emprego. Así, a partir do luns 24 de outubro a Oficina de Emprego pasará a ofrecer os seus servizos na planta 0 do Fórum Carballo, abandonando as dependencias situadas na Praza da Cruz Vermella.

E dende hai xa máis de dous anos os servizos da Consellería de Medio Rural da Xunta están implantados no 1º andar do Fórum; mentres que no 2º están situados os servizos municipais do Centro de Formación, Oficina de Promoción Economica, Oficina de Turismo e Bolsa de Traballo Municipal (BDT).

Compartir: