Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello convoca as subvencións...

PRAZO DE SOLICITUDE: DO 18 E OUTUBRO AO 1 DE NOVEMBRO

O Concello convoca as subvencións destinadas á promoción e ao fomento de deporte escolar no termo municipal para o curso 2016-2017

Luns 17 de outubro do 2016

As axudas están dirixidas a actividades para nenos/as de Infantil e Primaria

As axudas están dirixidas a actividades para nenos/as de Infantil e Primaria

O Concello de Carballo a través da Concellaría de Deporte que dirixe Marcos Trigo informa de que está aberto o prazo a partir do martes 18 de outubro e até o martes 1 de novembro para solicitar as subvencións destinadas á promoción e ao fomento de deporte escolar no termo municipal para o curso 2016-2017. O Concello recoñece as funcións do deporte como elemento fundamental na formación integral e mellora da calidade de vida do cidadán e como favorecedor da cohesión social, considerando de interese a actividade deportiva desenvolvida no ámbito do deporte escolar. Consecuentemente, considera necesario destinar recursos económicos para a concesión de axudas destinadas á promoción da actividade deportiva no ámbito do deporte escolar polas entidades privadas sen ánimo de lucro, que lles faciliten a consecución dos seus obxectivos, e indirectamente os do Concello no ámbito deportivo.

A convocatoria está dirixida a proxectos de Escolas Deportivas en horario extra escolar nos centros de ensino

A través desta convocatoria concederanse, en réxime de concorrencia competitiva, axudas económicas a ANPAs, seccións deportivas de ANPAs e agrupacións deportivas escolares de centros educativos sostidos con fondos públicos para facilitar a práctica deportiva en idade escolar mediante o financiamento de proxectos de Escolas Deportivas en horario extra escolar nos centros de ensino e dirixidas aos nenos e nenas que cursan Educación Infantil e Primaria, durante o curso escolar 2016-17 (de outubro de 2016 a maio de 2017 incluídos). Unicamente se financiarán actividades de “Deporte Escolar”, definido como unha práctica que garanta o coñecemento básico de diversas modalidades deportivas, co fin de favorecer o desenvolvemento integral dos nenos e nenas, en contraposición á consecución de resultados deportivos e ao “Deporte Federado”.

Quince días naturais

As solicitudes presentaranse no Rexistro Xeral do Concello de Carballo nun prazo de 15 días naturais, iniciándose o día seguinte ao da publicación da presente convocatoria no Boletín Oficial da Provincia da Coruña (publicado no BOP do luns 17 de outubro de 2016). No caso de que a documentación fose incorrecta ou insuficiente, darase un prazo de dez días para a súa emenda. Pasado o dito prazo sen que o interesado atenda o requirimento, entenderase que desiste da súa petición.

Os interesados e interesadas poden descargar as bases ao completo, así como o impreso de solicitude en PDF nesta mesma nova.

Descargas

Compartir: