Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo experimenta un 12 por cento de descenso...

A CRIMINALIDADE: 2 PUNTOS POR DEBAIXO DA MEDIA PROVINCIAL

Carballo experimenta un 12 por cento de descenso no número de infraccións penais entre xaneiro e setembro de 2016

Martes 18 de outubro do 2016

Reunión da Xunta Local de Seguridade

Reunión da Xunta Local de Seguridade na Casa do Concello

O número de infracións penais en Carballo entre xaneiro e setembro de 2016 descendeu un 12 por cento respecto ao mesmo período do ano anterior. Ademais, a taxa de criminalidade no munipio está dous puntos por debaixo da provincial e tamén é inferior á taxa galega e está moi por debaixo da taxa media do resto do Estado. Dende xaneiro de 2016, a Garda Civil ten efectuado 227 detencións ou investigacións no municipio, o que, segundo o Subdelegado do Goberno, Jorge Atán, e o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, reflicte a "eficiencia" das forzas e corpos de seguridade e redunda nun balance "positivo" dos niveis de seguridade no municipio.

Dende xaneiro de 2016, a Garda Civil ten efectuado un total de 227 detencións ou investigacións no municipio

Son só algunhas das conclusións da sesión ordinaria da Xunta Local de Seguridade celebrada o martes 18 de outubro na Casa no Concello e na que se constatou, en verbas do Subdelegado do Goberno "un descenso xeral dos feitos delictivos". O Alcalde subliña, así mesmo, "que o número de actos delictivos rexistrados en Carballo non son máis alarmantes que en calquera outra vila das mesmas dimensións". En todo caso, tanto Atán como Ferrero salientan que existe "moita actividade policial e da Garda Civil" para manter estes índices, aínda que existen persoas puntuais que rexistran "delictos e detencións reiteradas" e que nalgúns casos están sendo investigadas "por ata 30 feitos delictivos".

Por tanto, o Subdelegado do Goberno informa "dun descenso dos feitos delictivos" no cómputo xeral, a pesar da existencia de determinadas persoas que reinciden na súa actividade criminal. Para iso, Atán reitera a necesidade "de ser o máis precisos posibles na instrución das denuncias" e en confiar nas actuacións das forzas de seguridade e dos estamentos xudiciais para contribuír a reducir aínda máis os índices rexistrados.

Informe da Policía Local

Durante a reunión o Xefe da Policía Local de Carballo, Roberto Mosquera, dou tamén conta do Informe estatístico de incidencias da Policía para o que vai de ano 2016. Entre as conclusións, hai que mencionar un balance "satisfactorio" da campaña de seguridade viaria, que redundou na prevención de accidentes, infraccións e atropelos de peóns. Como cada ano, a vixilancia é prioritaria na contorna dos centros de ensino.

En 2016 téñense rexistrado 27 accidentes de tráfico menos que no mesmo período de 2015, con ningún peón falecido dende 2013

En todo caso, hai que mencionar que en 2016 téñense rexistrado 96 accidentes de tráfico (27 menos que no mesmo período do ano anterior). As zonas con máis sinistralidade son a contorna das rúas Gran Vía e Vázquez de Parga. Hai que resaltar que dende o ano 2013 non se ten rexistrado en Carballo ningún falecemento de peóns. No que respecta ao control sobre os vehículos, no que vai de ano téñense realizado 6 campañas cun total de 3.189 vehículos controlados.

Na xuntanza tamén estiveron presentes Milagros Lantes Seara, Concelleira delegada de Seguridade; Ana María Casais Ruiz, Concelleira do grupo político municipal do PP; Francisco Javier Souto Facal, responsable de Protección Civil de Carballo; Fernando Pedreira, Tenente Coronel Xefe accidental da Comandancia da Garda Civil de A Coruña; José Javier Castro, Tenente Xefe accidental da Compañía de Carballo; Julio Blanco, Brigada Xefe accidental do posto principal da Garda Civil de Carballo; Javier Teijido, Xefe provincial accidental da Policía Autonómica; Eva Vázquez Castelo, Vicesecretaria da Delegación do Goberno en Galicia; e Estefanía Canosa de TEGA, e Valentín Costa, do PSOE, convidados, así mesmo, á reunión.

Compartir: