Inicio Carballo ao día Hemeroteca O actor Miguel de Lira convértese en...

ÚLTIMA XORNADA DE PEQUEPERIODISTAS

O actor Miguel de Lira convértese en Xograr de Outono do FIOT nunha fin de semana con moito Shakespeare e moito Cervantes

Mércores 19 de outubro do 2016

Imaxe promocional de Eroski Paraíso

Imaxe promocional de Eroski Paraíso

O Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) de Carballo entrega este venres 21 de outubro o Xograr de Outono 2016 a Miguel de Lira co obxectivo de salientar a súa intensa, creativa, diversa e extensa traxectoria profesional na escena galega e no mundo audiovisual, que acumula máis de 30 anos de percorrido. Este galardón sumarase a outros importantes recoñecementos recibidos polo actor, entre os que destaca o Premio Nacional de Teatro. Traballador incansable como actor, teatral dinamizador teatral, produtor, director, intérprete de cine e televisión dentro e fóra de Galicia, Miguel de Lira é unha das figuras que iniciou o teatro alternativo, de compromiso e experimentación na nosa comunidade. Tamén é membro fundador dunha das compañías referentes do panorama teatral galego, Chévere.

Grupo Chévere representa o venres Eroski Paraíso, unha comedia social que retrata unha xeración

Ademais, o seu nomeamento como Xograr de Outono chega cando se cumpren 25 anos da súa participación na primeira edición do FIOT co mítico espectáculo “Río Bravo”.O acto de entrega do Xograr de Outono terá lugar despois da representación do espectáculo “Eroski Paraíso” (21.00 horas), do Grupo Chévere, no que Miguel de Lira é un dos intérpretes protagonistas.  Esta comedia social, que emprega unha linguaxe cinematográfica, é o retrato do desarraigo dunha xeración que tivo todo ao alcance da man e andou pola vida como se andase polo corredor dun supermercado.

Shakespeare e Cervantes, absolutos protagonistas

O sábado 22 de outubro ás 21.00 h Metatarso Producciones estrea en Galicia “Sueño de una noche de verano”, a comedia máis popular e unha das máis fermosas de Shakespeare, do que este ano se celebran os 400 anos do seu pasamento. Os actores Carmen Conesa, Emilio Gavira e Alejandro Sigüenza encabezan esta proposta de Darío Facal, un emerxente director que está destacando polas súas arriscadas e sorprendentes montaxes.

O ciclo OTNI estrea en Galicia Micro-Shakespeare, unha co-produción con The National Theatre of Great Britain

Os grandes clásicos de Shakespeare “Hamlet”, “Macbeth”, “Romeo e Xulieta” e “Soño dunha noite de verán” condensaranse en pases de 8 minutos no Pazo da Cultura de Carballo da man da compañía Laitrum Teatre, que involucrará ao espectador nun espectáculo de teatro de obxectos denominado “Micro-Shakespeare”, coproducido con The National Theatre of Great Britain. Trátase dunha estrea en Galicia dentro do ciclo OTNI do FIOT, que os espectadores poderán gozar este venres 21 de outubro de 17.30 a 20.30 h.

O domingo 23 de outubro ás 21.00 h súbese ao escenario do Pazo da Cultura unha das compañías máis aclamadas polo público do festival e que se converteu na revelación das artes escénicas españolas dos últimos anos: Ron Lalá. Coa súa obra “Cervantina”, a compañía realiza unha nova aproximación o universo creativo de Cervantes nunha das producións imprescindibles deste ano.

Última xornada de Pequeperiodistas

Ademais, dentro do Fiotiño, o sábado 22 de outubro celebrarase a última xornada do obradoiro gratuito “Pequeperiodistas”, que terá lugar na Biblioteca Rego da Balsa de 10.30 a 13.00 horas, e no que nenos e nenas a partir de dez anos poderán crear o seu propio xornal con noticias sobre o FIOT e o mundo do teatro.

Compartir: