Inicio Carballo ao día Hemeroteca Arrinca o quinto Outono en Marcha de Senda Nova,...

DO 23 DE OUTUBRO AO 17 DE NOVEMBRO

Arrinca o quinto Outono en Marcha de Senda Nova, con seis rutas por Carballo e a contorna coas que poñer en valor o noso patrimonio

Xoves 20 de outubro do 2016

Ruta Razo-Baldaio para protexer

Ruta "Razo-Baldaio para protexer"

Senda Nova volve a organizar un ano máis o programa de rutas Outono en Marcha que persegue potenciar o o noso patrimonio ambiental e cultural e dalo a coñecer a través dunhas andainas que, ademais de transcorrer por unhas paisaxes de enorme beleza, tamén contan con paradas interpretativas nas que as persoas que mellor coñecen a nosa contorna contan todos os seus segredos e curiosidades. Nesta edición, que xa é a quinta, mantéñense as rutas do ano pasado con Senda das Capelas, Razo-Baldaio para protexer, Terras do Marqués, Vía Alcaianus, Pegadas do Wolframio ou a Ruta das Férvedas por Carballo, A Laracha e Malpica.

As inscricións poden formalizarse dende dous días antes da celebración de cada roteiro e pode obterse máis info no 696 155 232

As inscricións para participar nas citas poden realizarse ata dous días antes de cada roteiro na Base de Protección Civil de Carballo (Edif. Ambulatorio vello. Carballo 2º andar) de luns a venres  de 9.30 a 13.30 horas; no Pazo da Cultura os mércores, xoves e venres de 16.00 a 19.00 horas; e tamén pode obterse máis información no Facebook ou no enderezo electrónico <sendanova@hotmail.com> e no teléfono 696 155 232. O prezo para partipar é de 6 € para adultos/as e de 3 € para menores de idade. Os socios/as de Senda Nova maiores de idade pagan 3 € e 1 €, os menores.

As andainas unha a unha

Respecto do calendario de rutas (todas con saída desde Carballo ás 8.15 horas dende a sede de Senda Nova na rúa Venezuela) e as súas características, son as seguintes: 

  • Senda das Capelas: 23 de outubro. Transcorre polo Concello da Laracha, pola parroquia de Santa Margarida de Montemaior e percorre aproximadamente 16 quilómetros, cunha dificultade media. Neste caso, e por proximidade xeográfica, a saída dende o Concello da Laracha farase ás 8.30 e non ás 8.00 horas como é o habitual.
  • Razo-Baldaio para protexer: 30 de outubro. Con saída en Santa Mariña e chegada en Castrillón, este percorrido realízase en outono para poder observar a lagoa de Baldaio coa presenza das aves migratorias, unha das riquezas deste espazo natural. A distancia é de 14 quilómetros e a dificultade media-baixa.
  • Terras do Marqués: 6 de novembro. Con saída en Gontade e chegada en As Pallas, inclúe a visita a dúas mámoas, un castro e ao Pazo de Vilardefrancos, rematando no Pazo das Pallas. Distancia: 14 quilómetros.
  • Vía Alcaianus: 13 de novembro. Conta con 20 quilómetros de lonxitude e transcorre polo Concello de Coristanco seguindo unha vía romana e cruzando a Ponte Lubiáns.
  • Pegadas do Wolframio: 20 de novembro. Unha das de maior dureza polos abundantes desniveis, ten saída en Oza e chegada en Cambre. Pasa por Razo da Costa e polas casas da mina de Monte Neme, un espazo cunha vista espectacular. Remata na Igrexa de Cambre en Malpica. Distancia a percorrer: 16 quilómetros
  • Ruta das Férvedas: 27 de novembro. Transcorre polo Concello de Carballo, saíndo da Brea e terminando en Entrecruces. Caracterízase por dous saltos de auga de gran fermosura, a Férveda de Rus, no rego da Férveda, e a denominada Férveda de Entrecruces, na que o río Outón ten que salvar uns 50 metros de desnivel. A distancia é de 15 quilómetros.

Ligazóns

Compartir: