Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello organizou unha xornada con...

OS NENOS E NENAS PUIDERON ANDAR EN CADEIRA DE RODAS

O Concello organizou unha xornada con Íntegro no CEIP Canosa-Rus para falar sobre prevención de lesións medulares

Venres 21 de outubro do 2016

Foto de familia durante a xornada

Foto de familia durante a xornada

Os alumnos e alumnas de 6º de primaria do CEIP Canosa-Rus de Carballo veñen de recibir a visita de representantes das Asociación Íntegro que lles explicaron as principais causas e consecuencias das lesións medulares. Durante esta visita, subvencionada polo Concello de Carballo, levouse a cabo unha charla teórica para concienciar aos estudantes sobre os danos irreparables causados pola realización de prácticas de risco en praias e piscinas, ou por accidentes de tráfico, e informalos sobre a importancia da súa prevención. Os escolares tamén puideron coñecer da man dos protagonistas da xornada as experiencias persoais que os levaron a sufrir unha lesión medular, o que espertou gran interese entre o alumnado, que non dubidou en facer todo tipo de preguntas relacionadas coas dificultades e a complexidade de vivir sobre unha cadeira de rodas.

A charla xirou arredor dos danos irreparables causados pola realización de prácticas de risco en praias e piscinas, ou por accidentes de tráfico

E tiveron a oportunidade de comprobalo por si mesmos/as. Así, tiveron tempo de trasladarse ata o ximnasio do centro educativo para vivir unha experiencia que resultou tan divertida como sorprendente, ao  comprobar, en primeira persoa, o difícil que pode chegar a ser realizar accións tan sinxelas como desprazarse ou subir e baixar unha beirarrúa. Aínda así, houbo quen se atreveu a botar unha carreira sobre a cadeira de rodas. A charla estivo impartida polo presidente de Íntegro, Adolfo López Baña; polo vicepresidente, Ramón Pombo, e polo vogal David Pombo.

Compartir: