Inicio Carballo ao día Hemeroteca As Oficinas do Servizo de Emprego xa están...

O TRASLADO EFECTUOUSE O 22 E 23 DE OUTUBRO

As Oficinas do Servizo de Emprego xa están abertas no Fórum Carballo e atendendo con normalidade a todos os veciños e veciñas

Luns 24 de outubro do 2016

Oficinas do Servizo de Emprego

As oficinas están situadas na planta baixa, moi preto da entrada principal do edificio

As oficinas do Servizo estatal de Emprego Público e do Servizo de Emprego Público de Galicia xa están atendendo con normalidade e dende o luns 24 de outubro a todos os veciños e veciñas dende a planta baixa da Nave 2 do Fórum Carballo. Os operarios realizaron o traslado o sábado 22 e o domingo 23 de outubro dende a Praza da Cruz Vermella. O mobiliario e o equipamento necesario xa estaban colocados no Fórum dende días atrás, mais durante a fin de semana realizouse o traslado dos equipos informáticos, arquivos, documentación e calquera outro elemento pendente.

A mudanza implica para a Consellería de Traballo da Xunta un notable aforro, xa que nas novas instalacións non terá que pagar aluguer

Hai que lembrar que a Xunta e o Concello xa asinaran en novembro de 2013 o convenio para a cesión e utilización de espazos administrativos no complexo Fórum Carballo, un acordo que agora culmina co traslado das oficinas. A mudanza das oficinas de emprego suporá para a Xunta o aforro do aluguer, xa que a cesión do espazo no Fórum só implica achegar os gastos de mantemento, así como de teléfono, electricidade e saneamentos.

Centralización de servizos no Fórum

Xa están no primeiro andar da nave 2 do Fórum as oficinas da Consellería de Medio Rural, incluída a Oficina Agraria Comarcal. Ademais, está previsto que en breve os departamentos de Sanidade Animal e Seguridade Alimentaria dependentes da Consellería de Sanidade que até o de agora estaban ocupando un edificio de titularidade municipal situado na entrada do Parque Empresarial de Bértoa se trasladen ao 1º andar da nave 1 do Fórum Carballo.

Ademais, no segundo andar da nave 2 están situadas as oficinas do Centro de Formación Municipal, da Oficina de Promoción Económica e Turismo e da Bolsa de Traballo Municipal. O obxectivo é centralizar todos os servizos que xiran arredor do emprego no Fórum Carballo, así como moitos dos departamentos dependentes da Xunta de Galicia.

Compartir: