Inicio Carballo ao día Hemeroteca Evencio Ferrero e Xulio Ferreiro falan sobre a...

UN DOS OBXECTIVOS: XERAR UNHA ÁREA ECONÓMICA COMPETITIVA

Evencio Ferrero e Xulio Ferreiro falan sobre a incorporación de Carballo ao proxecto de creación dunha área metropolitana da Coruña

Martes 25 de outubro do 2016

Un momento da xuntanza en María Pita

Un momento da xuntanza en María Pita (Foto: Cope Coruña)

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e o Alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, veñen de manter unha entrevista en María Pita na que falaron da incorporación de Carballo á nova Área metropolitana da Coruña, unha unión para crear un espazo de coordinación que vai máis alá da creación dunha rede de transporte (da que Carballo xa forma parte) e que incluiría un consenso nas actuacións relacionadas co desenvolvemento territorial (especialmente no que respecta a urbanismo e mobilidade), pero tamén sobre xestión de servizos públicos, ciclo ambiental, emprego, ou solo industrial.

O Alcalde carballés espera que o municipio poda incorporarse a este proxecto e que se abran as portas para outros concellos

Nestes momentos os concellos de Abegondo, Arteixo, Bergondo, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros, Sada e Betanzos, ademais do da Coruña, están traballando para conseguir que o Parlamento de Galicia dea luz verde á Lei da Área Metropolitana da Coruña no ano 2017. Así, estase realizando un estudo técnico sobre o ámbito de acción deste futuro espazo metropolitano e o Alcalde carballés espera que o municipio poda incorporarse a este proxecto e que se abran as portas para a participación de novos concellos.

Aprobación no pleno

En todo caso, durante a xuntanza apuntouse que a incorporación de novas administracións locais deberá contar co apoio dos alcaldes implicados até o de agora no proceso, algo para o que, en principio, non habería obstáculos, segundo explicou Ferreiro durante a xuntanza; e tamén coa aprobación plenaria das corporacións dos concellos que queiran sumarse á nova área metropolitana. Por outra banda, Evencio Ferrero tamén sinalou que os acordos deberían implicar certa flexibilidade de xestión dos concellos integrantes en determinadas áreas, como por exemplo na xestión do lixo ou do ciclo da auga, xa que "no caso de Carballo non tería sentido adoptar agora outro modelo", puntualiza o Alcalde.

O obxectivo final do proceso sería o de mellorar a calidade de vida da cidadanía, cunha Coruña metropolitana na que vivir, traballar e na que gozar dun lecer responsable, co desenvolvemento dunha área sostible, verde e azul que faga un uso eficaz dos recursos. Tamén perseguiría a construción dunha economía local competitiva e equilibrada cun sector tecnolóxico innovador, incluíndo a vertebración arredor do chan industrial, o Porto Exterior, o aeroporto e as liñas de transporte existentes.

Compartir: