Inicio Carballo ao día Hemeroteca O FIOT pecha a súa edición 25 con...

A FUNCIÓN DO SÁBADO, PREVISTA PARA AS 20.00 HORAS

O FIOT pecha a súa edición 25 con Paolo Nani, “La estupidez” de Feelgood Teatro e festa final con Os Revenidos

Mércores 26 de outubro do 2016

Actores e actrices de La estupidez

Actores e actrices de "La estupidez"

O Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) de Carballo pecha a súa 25ª edición por todo o alto coas funcións de sala do virtuoso do clown, Paolo Nani, e a estrea en Galicia de “La estupidez”, da compañía Feelgood Teatro. O venres 28 de outubro, ás 21.00 horas no Pazo da Cultura representarase “A Carta”, unha obra creada por Paolo Nani e Nullo Facchini en 1992, o mesmo ano no que naceu o FIOT. Convertido en éxito desde a súa estrea, este espectáculo foi interpretado en todo o mundo en preto de 1.000 ocasións.

O espectáculo do venres, de Paolo Nani, leva en cartel 25 anos dende 1992, ano en que o FIOT comezou a súa andaina

Sobre o escenario, “A Carta” non precisa as palabras para contar unha historia de 15 maneiras e encher de risa cada minuto. A súa precisa linguaxe corporal, o mimo, as “acrobacias” faciais, o perfecto “timing” cómico, os orixinais gags e a complicidade co público fan deste divertidísimo espectáculo unha inesquecible antoloxía da comedia, que permanece na carteleira escénica tras 25 anos.

Fran Perea e Toni Acosta, en “La estupidez”

O sábado 29 de outubro, ás 20.00 h no mesmo lugar, será o turno para “La estupidez” da compañía Feelgood Teatro. Cinco virtuosos e famosos actores da escena española (Fran Perea, Toni Acosta, Ainhoa Santamaría, Javier Coll e Javier Márquez) representan unha hilarante road-movie en formato teatral, na que interpretan a 25 personaxes, nun prodixioso exercicio interpretativo e cunha posta en escena impecable.

Aínda que se trata dunha comedia trepidante, a súa é unha risa ácida, xa que representa de maneira grotesca e desmesurada a ambición e a cobiza, o valor absoluto dos cartos nunha sociedade fragmentada e subxace a fraxilidade da intelixencia nos tempos que corren. A obra, do premiado arxentino Rafael Spregelburd, recibiu o Tirso de Molina e foi representada en importantes teatro do mundo con éxito, sendo Carballo a súa primeira parada en Galicia.

Estrea e peche no Ciclo OTNI

Os Revenidos

Os Revenidos

Este xoves 27 de outubro ás 21.00 h no Pazo da Cultura o VII Ciclo OTNI do FIOT concluirá coa estrea en Galicia da obra “Penev”, da compañía valenciana La Teta Calva Producciones. Recoñecido con diversos premios e finalista na última edición dos Premios Max como espectáculo revelación, trátase do primeiro traballo desta nova compañía.

É unha obra sen artificios, aparentemente sinxela, que disecciona a vida a través dos obxectos e recordos dunha tenda de segunda man e que, con naturalidade, constrúe unha balada do fracaso no que non falta un fino sentido do humor. Para este espectáculo aínda quedan entradas libres, que se poden mercar (3 €) na plataforma de televenda Ticketea.com ou no teléfono 902 044 226.

Concerto de Os Revenidos

En sustitución do espectáculo que IGMIG tiña previsto realizar na programación da Rúa dos Contos, este sábado 29 de outubro, ás 12 da noite, na sala Dublín de Carballo, actuarán Os Revenidos. Este grupo procedente de Arteixo intentará sacar un sorriso aos asistentes con versións en clave de humor de éxitos musicais de artistas tan variados como AC/DC, Beyoncé, Michael Jackson, Maná ou Enrique Iglesias.

Compartir: