Inicio Carballo ao día Hemeroteca As novas oficinas do Servizo de Emprego no...

UN TOTAL DE 23 PROFESIONAIS OCUPAN 470 METROS CADRADOS

As novas oficinas do Servizo de Emprego no Fórum melloran a calidade da atención e contribúen a facer do edificio un espazo de referencia

Mércores 26 de outubro do 2016

Visita ao Fórum do Director Xeral de Orientación e Promoción Laboral, José Alfonso Marnotes González

Un momento da visita do Director Xeral de Orientación e Promoción Laboral

Dende o luns 24 de outubro as oficinas do Servizo estatal de Emprego Público e do Servizo de Emprego Público de Galicia ofrecen os seus servizos dende a planta baixa do Fórum Carballo. O Director Xeral de Orientación e Promoción Laboral, José Alfonso Marnotes González, acaba de visitar as novas instalacións acompañado do Alcalde, Evencio Ferrero, e do Director do Centro de Formación Municipal, Juan Lorenzo, para supervisar as recen estreadas oficinas. Marnotes subliña que, con este traslado, o servizo experimentará unha "mellora na atención" para as 173.000 persoas dos concellos da comarca de Bergantiños e do Concello de Zas que recorren aos servizos da Consellería de Emprego.

O Fórum converteuse nun edificio pensado para que a veciñanza reciba servizos de alta calidade e nun eixo de dinamización para A Milagrosa

Un total de 23 empregados e empregadas, entre os do SEPE (Servicio Público de Empleo Estatal) e os do Servizo de Emprego da Xunta, ocupan un total de 470 metros cadrados útiles no Fórum, aos que hai que sumar tamén o espazo do vestíbulo e dos corredores para chegar aos 600 metros, o que supón, segundo Marnotes, "unha mellora para as persoas que acoden ao servizo, pero tamén para as persoas que traballan nel". Ademais, está previsto mellorar no futuro o equipamento tenolóxico, así como reforzar a atención mediante novos obradoiros e cursos de formación.

Un edificio de referencia

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, explicou a súa satisfacción por que "o Fórum sexa un espazo de referencia", que aglutina na actualidade, non só as oficinas do Centro de Formación Municipal, as de Promoción Económica e Turismo e o servizo de emprego do Concello reflectido na BDT (Bolsa de Traballo Municipal); senón tamén os servizos da Xunta no Concello relativos a Medio Rural, Emprego e, no futuro, tamén de Sanidade animal e Seguridade alimentaria.

Segundo Ferrero, o obxectivo é "xerar sinerxías entre administracións para que o veciño reciba servizos de alta calidade". Insistiu en que "o Concello sempre manifestou a súa vontade de que os servizos que se ofrecen en Carballo se fagan nas mellores condicións posibles" e considera que, neste caso, "ese obxectivo está logrado". Tamén considera que estes servizos contribúen "á dinamización do barrio" e respecto das oficinas que acaban de instalarse no Fórum, desexou "que cumpran o seu obxectivo, que é o de xerar emprego".

Compartir: