Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo avanza na implantación da...

A SESIÓN INCLÚE A DECLARACIÓN DO 25 DE NOVEMBRO

Carballo avanza na implantación da administración electrónica levando ao pleno a aprobación da ordenanza reguladora do servizo

Venres 28 de outubro do 2016

Rolda de prensa

Un momento da presentación dos asuntos do pleno

A corporación carballesa celebra o luns 31 de outubro unha sesión plenaria ordinaria na que un dos principais asuntos da orde do día é a aprobación inicial da Ordenanza reguladora da Administración electrónica municipal do Concello de Carballo. A través da novo servizo, que estará regulado mediante o enderezo web <sede.carballo.org>, os veciños e veciñas poderán acceder a unha caixa de suxestións e queixas, tramitar expedientes, acceder ao Taboleiro de anuncios do Concello, comprobar os días inhábiles da administración ou ligar co Punto de Acceso Xeral da Administración Xeral do Estado, entre outros trámites.

A cidadanía poderá tramitar expedientes, presentar suxestións, acceder ao Taboleiro do Concello ou á Administración do Estado

O Alcalde, Evencio Ferrero, que presentou os asuntos do pleno acompañado da Concelleira de Planificación Urbana e Mobilidade, Milagros Lantes, subliña que, aínda que é complicado mudar as pautas de comportamento dos veciños e veciñas na súa relación coa administración, é necesario seguir dando pasos para conseguir axilizar os trámites administrativos do Concello e achegalos máis á cidadanía.

Declaracións institucionais

A sesión de outubro é a última que ten lugar antes da conmemoración do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da violencia contra as mulleres e nenas. Por ese motivo, someterase a acordo plenario a aprobación dunha declaración institucional na que o Concello expresa a súa solidariedade coas vítimas da violencia de xénero e as súas familias; que manifesta a enérxica repulsa da violencia que se exerce contra as mulleres; que manifesta o compromiso da administración local de traballar pola erradicación da violencia de xénero; ou que expresa a vontade do Concello de traballar na prevención a través da educación e da sensibilización social tratando de implicar a todos os sectores de toda a poboación.

A sesión recolle unha declaración con motivo do 25 de novembro e outra para que Carballo sexa Cidade solidaria co Alzheimer

Así mesmo, e despois dunha proposta de Afaber (Asociación de familiares de enfermos de Alzheimer de Bergantiños), o pleno inclúe o debate dunha declaración para que Carballo sexa unha "Cidade solidaria co Alzheimer". Segundo consta no texto, con esta declaración o Concello apoia a iniciativa da CEAFA (Confederacion Española de Asociacións de Familiares de Persoas con Alzheimer) que reivindica a posta en marcha dunha política de Estado sobre o alzheimer. O Alcalde expresou o seu desexo de que tanto a iniciativa polo 25 de novembro como a declaración do alzheimer podan saír adiante o luns 31 co apoio de todos os membros da corporación.

Outros asuntos

A sesión inclúe tamén a aprobación definitiva do estudo detalle para reaxustar a pasante da rúa Esquío, situada na contorna do solar no que actualmente está a construírse un novo espazo comercial no centro da vila. O expediente xa superou o proceso de exposición pública sen ningunha alegación, e agora afronta o seu visto e prace definitivo. Ademais, o pleno recolle a aprobación dunha bonificación do 70 por cento no ICIO (Imposto sobre Construcións e Obras) para a construción dunha explotación de gando ovino.

No apartado de mocións, BNG, TEGA e PSdeG-PSOE presentan unha proposta conxunta de apoio á asociación Plataforma de vítimas Alvia 04155. O texto acorda "solicitar ao Goberno do Estado que encargue a unha comisión de persoal experto e técnico independente a investigación do acontecido e a posterior apertura dunha Comisión de Investigación no Congreso dos Deputados sobre o accidente do tren Alvia 04155 para establecer as posibles responsabilidades políticas".

Informe de morosidade

No apartado de seguimento de órganos de goberno, o pleno remata coa dación de conta do informe de intervención e tesourería de medidas contra a morosidade relativo ao terceiro trimestre de 2016. Nestes momentos, o Concello efectúa o pago de facturas nun prazo de 34,28 días dende a súa entrada no Rexistro e no período entre xullo e setembro pagáronse 1.087 facturas por 1.890.064 euros dentro do período legal; e 703 fóra del por un importe de 314.501,96 euros. Os pagos pendentes dentro do período legal foron 981.747 euros por 575 facturas; e fóra do período legal o importe ascende a 57.130,56 euros.

Compartir: