Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo incrementa nun 13 por cento o seu...

RECICLÁRONSE 109.500 QUILOGRAMOS DE ENVASES

Carballo incrementa nun 13 por cento o seu índice de reciclaxe de vidro en xullo e agosto a través do Plan Verán 2016 de Ecovidro

Venres 28 de outubro do 2016

Entrega do premio do Plan Verán de Ecovidro

Entrega do premio do Plan Verán de Ecovidro á Cervexaría A Troula

O Plan Verán 2016 posto en marcha por Ecovidro e o Concello logrou reciclar 109.500 quilogramos de vidro durante os meses de xullo e agosto, un 13 por cento máis que no mesmo período do ano anterior. Ecovidro multiplicou o alcance e dimensión do seu Plan Verán. Nesta edición, un total de 85 establecementos hostaleiros de Carballo colaboraron coa entidade, un dato importante dada a influencia do sector hostaleiro, que xera o 50 por cento dos residuos de envases de vidro dun só uso. Ademais, a época estival é vital para a reciclaxe de vidro polos altos índices de consumo que se xera deste tipo de envases. Así o subliñou Luís Lamas, Concelleiro de Servizos, que quixo transmitirlle os seus parabéns a Ecovidro polos bos resultados da campaña.

Cada carballés recicla unha media de 17,8 quilogramos de vidro, superando amplamente a media galega

Os resultados obtidos conseguíronse grazas á campaña de sensibilización e dotación de medios dirixida aos profesionais hostaleiros, explica Germán Fernández, xerente de Ecovidro en Galicia. No marco do Plan Verán, Ecovidro instalou 15 novos colectores e entregou 32 cubos adaptados ás necesidades dos profesionais hostaleiros. Así mesmo, a entidade ampliou a frecuencia de recollida de vidro para xestionar adecuadamente a elevada afluencia de visitantes e o aumento da actividade no sector hostaleiro. Ademais, co obxectivo de mobilizar aos cidadáns, Ecovidro decorou con vinilos especiais 32 colectores da localidade. Fernández quixo resaltar especialmente a dificultade de que un municipio que xa conta cuns excelentes índices de reciclaxe fora quen de superar os seus índices nun 13 por cento.

Segundo os últimos datos relativos a 2015, os cidadáns de Carballo reciclaron o ano pasado un total de 556.760 quilogramos de vidro, o que supón que cada habitante reciclou de media 17,8 kg, superando a media galega, segundo apunta Fernández. Respecto da taxa de contenerización, Carballo sitúase cunha media de 108 habitantes por colector, contando na actualidade cun total de 289 iglúes para os residuos de envases de vidro.

Galardón Iglú Verde

Ademais, e grazas ao desenvolvemento da campaña, Carballo ten sido dobremente premiado. Por unha banda, o Concello recolleu o premio "Iglú Verde" por superar amplamente a cifra de reciclaxe de vidro respecto ao ano anterior. O premio é un recoñecemento ao compromiso de cidadáns e profesionais hostaleiros coa reciclaxe de vidro e a sustentabilidade. E por outro lado, a Cervecería A Troula acadou un dos cinco premios repartidos en toda España dentro do concurso "Toma nota, recicla vidro", no que os clientes dos establecementos tiñan que puntuar a xestión no bar nunha enquisa realizada online e contabilizada por Ecovidro.

A Troula conseguiu máis de 10.000 puntos e o quinto posto. Hai que mencionar que o sexto local tamén era un bar carballés, e que na provincia da Coruña están tres dos cinco premiados de toda España. Zeus Brandón, responsable de A Troula, será o beneficiario dun cruceiro ao Caribe para dúas persoas valorado en 3.000 euros. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, transmitiulle os seus parabéns e confía en que Carballo siga incrementando "a súa ratio de eficiencia para mellorar a saúde medioambiental da sociedade que nos rodea".

Compartir: