Inicio Carballo ao día Hemeroteca A película rodada en Carballo...

O FILME ESCOLLEUSE ENTRE 2.000 CINTAS DE TODO O MUNDO

A película rodada en Carballo "Sicixia" participa na Sección Oficial do 54º Festival Internacional de Cine de Xixón

Venres 28 de outubro do 2016

Un fotograma da película

Un fotograma da película

A longametraxe  Sicixia (Vía Láctea Filmes, TVG), dirixida por Ignacio Vilar, foi seleccionada na Sección Oficial do 54º Internacional de Cine de Xixón, que se celebrará entre o 19 e o 26 de novembro de 2016. O filme, concebido para poñer en valor o inigualable patrimonio material e inmaterial da Costa da Morte e rodada en parte en Carballo, foi seleccionado entre máis de 2.000 títulos de todo o mundo e competirá con 15 cintas na categoría de ficción procedentes de EEUU, Francia, Italia, México, Bulgaria, entre outros. Neste certame internacional Sicixia opta aos seguintes galardóns: Premio Principado de Asturias á Mellor longametraxe; Premio ao Mellor Director; Premio á Mellor Actriz; Premio ao Mellor Actor; Premio ao Mellor Guión; Premio Especial do Xurado.

Trátase dun festival que supera os 75.000 espectadores e que ten premiado na súa historia a directores de renome como Peter Mullan

A organización do festival confirmou que Sicixia será o único filme español a competición na presente edición. Ademais subliñou que Sicixia é o primeiro filme rodado en galego que participa no Festival Internacional de Cine de Xixón nos seus 54 anos de historia. Nas dúas anteriores edicións, o FICX bateu marcas de público, superando os 75.000 espectadores en 2014 e 2015. Ao longo da súa historia, o premio á mellor longametraxe foi concedido a directores de renome coma James Mangold, Peter Mullan, Pawel Pawlikowski, Ulrich Seidl, Lukas Moodysson, Lisandro Alonso o Hong Sang-soo. Esta selección supón un novo éxito na traxectoria de Sicixia, logo do recente Premio á Mellor Actriz outorgado a Marta Lado no XXI Festival Cinespaña de Toulouse (Francia).

Preestrea en París co director e elenco

No marco da campaña de promoción da estrea en cines de Sicixia, o venres 25 de novembro, o vindeiro 7 de novembro celebrarase unha preestrea do filme no Cinéma Majestic-Passy de París (Francia), á que asistirán o director Ignacio Vilar, a actriz Marta Lado e o actor Monti Castiñeiras. O selecto público terá a oportunidade de viaxar a "Galicia a través dos cinco sentidos", xa que logo do pase ofrecerase unha degustación de produtos do mar e viño D.O. Valdeorras na que participarán os cociñeiros Iván Domínguez (Grupo Nove; Alborada), Miguel G. Silvarredonda e Tino Otero (Porto-Muíños).

Ademais do apoio do Concello de Carballo, Sicixia conta coa colaboración de: AGADIC, ICAA, Deputación da Coruña, GALP Costa da Morte, e os Concellos de Fisterra, Camariñas, Carnota, Cerceda, A Laracha, A Estrada, Cabana de Bergantiños, Dumbría, Corcubión e Zas.

Compartir: