Inicio Carballo ao día Hemeroteca Constituídos en outubro os cinco primeiros...

EN NOVEMBRO E DECEMBRO CONTINÚAN AS XUNTANZAS

Constituídos en outubro os cinco primeiros Consellos Parroquiais que impulsarán a participación veciñal en Carballo

Luns 31 de outubro do 2016

Un momento da xuntanza para constituír o Consello parroquial de Sofán

Un momento da xuntanza para constituír o Consello parroquial de Sofán

Carballo conta xa con cinco Consellos Parroquiais. O último quedou constituído o xoves en Sofán, nunha xuntanza que reuniu a preto de corenta persoas e da que saíu un equipo de traballo moi numeroso, integrado por 17 membros: 11 representantes de cinco asociacións, dúas persoas a título individual e un concelleiro/a de cada grupo da corporación municipal. Durante o mes outubro téñense celebrado cinco xuntanzas e nas cinco rexistrouse unha ampla participación veciñal e en todas saíu adiante a constitución dos respectivos consellos parroquiais.

O equipo de traballo de Sofán estará formado por 17 membros, íncluíndo 11 representantes de entidades da parroquia e dous veciños

Nos meses de novembro e decembro continuarán as xuntanzas nas outras 12 parroquias rurais coa intención de implantar os Consellos Parroquiais en todo o territorio. Consciente de que este obxectivo só será posible coa colaboración da veciñanza, o goberno municipal fai un chamamento á participación para seguir ampliando esta nova canle de comunicación directa entre o Concello de Carballo e a cidadanía.

Funcionando en Ardaña, Oza, Rus, Sísamo e Sofán

Os Consellos Parroquiais xa están a funcionar de maneira provisional en Ardaña, Oza, Rus, Sísamo e Sofán. As persoas que forman parte do movemento asociativo en cada unha destas parroquias son as que máis se están implicando, pero, en xeral, están a crearse grupos de traballo interxeracionais e integrados por persoas de perfís moi variados, o que contribúe a enriquecelos. Pero, como se está a destacar en todas as xuntanzas, os Consellos Parroquiais son órganos abertos, de maneira que todas as persoas que queiran sumarse poden facelo agora ou no futuro.

As próximas reunións celebraranse os días 3 e 4 de novembro en Goiáns e Berdillo, respectivamente. Como se está a facer en todo este proceso, a convocatoria realizarase mediante o envío de cartas a cada domicilio. As persoas interesadas no proceso de constitución dos Consellos Parroquiais teñen ao seu dispor o teléfono 608 201 251 e o enderezo electrónico <consellosparroquiaiscarballo@gmail.com>. 

Compartir: