Inicio Carballo ao día Hemeroteca Ron Lalá gaña con...

A PUNTUACIÓN OBTIDA É A DE 4.75 SOBRE 5

Ron Lalá gaña con "Cervantina" o Premio do Público dun FIOT 2016 no que participaron máis de 10.700 persoas

Mércores 2 de novembro do 2016

Cervantina

Un momento de "Cervantina"

A obra ‘Cervantina’, da compañía Ron Lalá en coprodución coa Compañía Nacional de Teatro Clásico, é a gañadora do Premio do Público do Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) 2016 de Carballo, ao obter unha puntuación de 4,75 sobre 5 puntos (un 9,5 sobre 10). As seguintes obras en puntuación foron “Yllana 25” da compañía Yllana e “Solitudes” de Kulunka Teatro. As 11 funcións de sala obtiveron unha puntuación media de 4,1 puntos sobre 5, polo que os espectadores valoraron o conxunto da programación cun notable alto (8,2 sobre 10). Por encima da media destaca a boa acollida das propostas galegas, que recibiron unha valoración de 4,3 puntos.

Entre o 23 de setembro e o 29 de outubro desenvolveuse unha intensa programación cultural cun total de 100 actividades

Entre o 23 de setembro e o 29 de outubro desenvolveuse en Carballo unha intensa programación cultural cun total de 100 actividades, entre as que destacaron 34 espectáculos. Destes, 11 correspondéronse coa programación de sala; 4 do Ciclo OTNI; 2 de teatro de rúa; 17 da Rúa dos Contos e outras 63 actividades complementarias como o “Café con”, o XVI Concurso Escolar de Teatro Lido (que aínda rematará o vindeiro 6 de novembro), o Fiotiño, o programa de Voluntariado, o Xograr de Outono, a exposición, a Escola do Espectador ou “Dálle un bocado ao FIOT”.

A maior participación da historia

En todas as actividades a participación foi moi alta, chegando a 10.726 o número total de asistentes, un 3,5% superior ao da edición pasada e que supón a maior cifra da historia do festival, o que precisamente coincide co seu 25 aniversario. Un total de 6.626 persoas asistiron aos diferentes espectáculos na programación de sala, Ciclo OTNI e Rúa dos Contos. A taxa de ocupación media das funcións de sala foi do 97%. A Carballo tamén acudiron preto de 150 persoas entre artistas e técnicos das compañías, dos que máis de 100 foron intérpretes e 8 directores, que manifestaron o seu agradecemento polo acollemento e trato recibidos.

Tamén hai que subliñar que, en total, houbo 13 estreas, das cales cinco foron absolutas (dúas na programación de sala e tres na Rúa dos Contos) e oito foron estreas en Galicia (sete en sala). Entre as estreas absolutas destaca “O Tolleito de Inishmaan”, da compañía Contraproducións, unha obra na que o FIOT participou como coprodutor. Ademais de Galicia, a procedencia do espectáculos foi moi variada, contando con compañías de seis comunidades autónomas distintas e dun país estranxeiro (Dinamarca).

Consolidación da Rúa dos Contos

A Rúa dos Contos consolidouse un ano máis

A Rúa dos Contos consolidouse un ano máis

A Rúa Dos Contos, que este ano celebrou a súa maioría de idade ao celebrar a súa XVIII edición, consolídase como unha plataforma de presentación de creacións de carácter máis informal e enfocadas a espazos non teatrais, estreando novos espectáculos ou presentando propostas aínda pouco coñecidas en numerosos bares e tascas da vila.

Este ano ampliou a súa dimensión ao contar cunha maior presenza de compañías de fóra de Galicia e tres sesións no Mercado Municipal e con nomes tan coñecidos como Pepo Suevos, Xosé Touriñán, Sara Escudero, Sergio Pazos, Manquiña... Tamén se incorporou un novo colaborador deste ciclo, Estrella Galicia, da que o festival espera que amplíe a súa participación en vindeiras edicións.

Actividades en paralelo

O festival seguiu impulsando o programa de actividades en paralelo, consciente de que supón a súa conexión máis directa cos espectadores e o mellor e máis coherente instrumento de captación, creación e fidelización do público. Deste xeito, destaca a extensión do Fiotiño, coa ampliación da programación infantil e a participación de 65 nenos e nenas. Mención destacada tamén merecen a exposición “Zoom FIOT”, a Escola do Espectador e o “Café con”, así como a actividade “Dálle un bocado ao FIOT”, organizada pola Concellería de Turismo de Carballo.

Para facer posible todos estes logros, o FIOT contou coa implicación dun equipo de máis de 20 voluntarios que colaboraron coa organización e coa atención ao público, así como con diversas entidades que fixeron posible a organización deste festival, como a AGADIC da Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña, o Concello de Carballo, o Instituto Nacional de Artes Escénicas e Musicais do Ministerio de Cultura, a Fundación Luís Calvo Sanz, A Libraría Brañas, Radio Voz Bergantiños, Sogama, Estrella Galicia, así como locais de hostalería de Carballo que participaron na Rúa dos Contos ou outros pequenos empresarios que colaboraron con diferentes actividades.

Compartir: