Inicio Carballo ao día Hemeroteca Luz verde no pleno da corporación para a...

APROBADA A DECLARACIÓN CON MOTIVO DO 25 DE NOVEMBRO

Luz verde no pleno da corporación para a ordenanza que regula a administración electrónica do Concello de Carballo

Mércores 2 de novembro do 2016

Sesión plenaria do mes de setembro

Vista do salón de plenos durante unha sesión ordinaria

A corporación carballesa apoiou no pleno celebrado o luns 31 de outubro a Ordenanza reguladora da administración electrónica municipal do Concello de Carballo. Saíu adiante cos votos a favor de BNG, PP e PSOE. O obxectivo do servizo é axilizar as xestións que debe realizar a cidadanía na súa relación coa administración local. A través da novo servizo, que estará regulado mediante o enderezo web <sede.carballo.org>, os veciños e veciñas poderán acceder a unha caixa de suxestións e queixas, tramitar expedientes, acceder ao Taboleiro de anuncios do Concello, comprobar os días inhábiles da administración ou ligar co Punto de Acceso Xeral da Administración Xeral do Estado, entre outros trámites.

BNG, PSOE e PP apoiaron a declaración do Concello con motivo do Día Internacional da Eliminación da violencia contra as mulleres e nenas

Tampouco recibiu apoio unánime por primeira vez dende hai máis de dez anos a Declaración institucional do Concello con motivo do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da violencia contra as mulleres e nenas. Saíu adiante co apoio de BNG, PSOE, PP e a abstención de TEGA. O texto expresa a súa solidariedade coas vítimas da violencia de xénero e as súas familias; manifesta a enérxica repulsa da violencia que se exerce contra as mulleres; manifesta o compromiso da administración local de traballar pola erradicación da violencia de xénero; ou expresa a vontade do Concello de traballar na prevención a través da educación e da sensibilización social tratando de implicar a todos os sectores de toda a poboación.

Carballo, cidade solidaria co alzheimer

Si saíu adiante por unanimidade, en cambio, unha declaración para que Carballo sexa unha "Cidade solidaria co Alzheimer", unha proposta de Afaber (Asociación de familiares de enfermos de Alzheimer de Bergantiños) a instancias de CEAFA (Confederacion Española de Asociacións de Familiares de Persoas con Alzheimer). A declaración reclama a posta en marcha dunha política de Estado sobre o alzheimer.

Nunha sesión con poucos puntos unánimes, saíu adiante cos votos en contra de PSOE e TEGA e o apoio do resto dos grupos da corporación o estudo detalle para reaxustar a pasante da rúa Esquío, situada na contorna do solar no que actualmente está a construírse un novo espazo comercial no centro da vila. O expediente xa superou o proceso de exposición pública sen ningunha alegación, e agora recubiu, despous dun longo debate, o seu visto e prace definitivo. Unánime foi, en cambio, a aprobación dunha bonificación do 70 por cento no ICIO (Imposto sobre Construcións e Obras) para a construción dunha explotación de gando ovino.

Moción sobre o accidente do Alvia

BNG, PSOE e TEGA uníronse nunha moción conxunta de apoio á asociación Plataforma de vítimas Alvia 04155. O texto acorda "solicitar ao Goberno do Estado que encargue a unha comisión de persoal experto e técnico independente a investigación do acontecido e a posterior apertura dunha Comisión de Investigación no Congreso dos Deputados sobre o accidente do tren Alvia 04155 para establecer as posibles responsabilidades políticas". O PP votou en contra.

Por último, no apartado de seguimento de órganos de goberno, o pleno incluíu a dación de conta do informe de intervención e tesourería de medidas contra a morosidade relativo ao terceiro trimestre de 2016. Nestes momentos, o Concello efectúa o pago de facturas nun prazo de 34,28 días dende a súa entrada no Rexistro.

Compartir: