Inicio Carballo ao día Hemeroteca Volve Expo Voda, o salón de vodas,...

O SÁBADO 26 E DOMINGO 27 DE NOVEMBRO NO MERCADO

Volve Expo Voda, o salón de vodas, comuñóns e celebracións que muda de data e de localización pero mantén a calidade da oferta

Xoves 3 de novembro do 2016

Presentación de Expo Voda

Un momento da presentación de Expo Voda

Expo Voda, o salón de vodas, comuñóns e celebracións que organiza o Centro Comercial Aberto (CCA) coa colaboración do Concello e da Dirección Xeral de Comercio cumpre catro anos e o fai con varias novidades pero mantendo a calidade da oferta. Como primeiro cambio, desta volta celebrarase no mes de novembro, en lugar de en febreiro, coincidindo coa última fin de semana do mes e coa feira dos domingos os días 26 e 27. María del Carmen Freire, xerente do CCA, sinala que os expertos suxeriron esta data porque este tipo de eventos planifícase cada vez con máis antelación. A segunda grande novidade da cita é que terá lugar no segundo andar do Mercado Municipal, en parte pola céntrica situación das instalacións e en parte para abaratar custos.

Como en anos anteriores, o acceso estará regulado por unha entrada simbólica de 2€, aínda que se repartirán tamén convites gratuítos

Freire explica que o segundo andar ofrece maior superficie útil e que nesta edición optarase por evitar os paneis e expositores usuais, cunha distribución aberta dos postos que esperan que dea bo resultado. Finalmente haberá preto de 40 expositores (a maioría de Carballo, pero tamén de toda a contorna como de Ordes, A Coruña, Arteixo ou A Laracha) que ofrecerán unha mostra variada dos negocios relacionados co sector, dende axencias de viaxes ata fotógrafos, discotecas móbiles, coctelería, animación, perruquería e maquillaxe ou mesmo empresas de subministros como aseos móbiles, estufas para carpas e todo o preciso para que a celebración teña lugar na localización que os protagonistas elixan. Ademais, está previsto que haxa actividades paralelas, como degustacións e outras que se irán ultimando nos próximos días.

Axudar ao comercio local

Como en anos anteriores, cobrarase unha entrada simbólica de 2€, mais todas as tendas e negocios participantes contarán con convites para repartir entre todas as persoas interesadas en asistir. O Concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira, subliñou a importancia da celebración deste salón que cualifica como "exitoso" e unha boa forma de "relanzar o músculo do comercio local", xa que, ademais de espertarse interese pola actividade, en Expo Voda adoitan pecharse vendas. O Alcalde, Evencio Ferrero, subliñou a versatilidade do Mercado como espazo multiusos e "plurifuncional", "moi céntrico" e que ten demostrado que pode acoller diferentes eventos e actividades. Desexou que o salón sirva para impulsar a actividade económica e que teña moitos visitantes.

A relación de establecementos que participa na cuarta edición de Expo Voda, ademais do propio CCA cun posto propio, é a seguinte: Isabelle Noivas, Aires de novia, Reneymar, Toño Villar Fotografía, Viajes Barral, Bodorrio (agasallos), Cocorotas (animación), Kyrie (noivas), Alonso moda, Marián Riestra Fotografía, Javier Alfonso Moda, Disco Andra, DMUSIK, Bicoca (moda home), Revela Estudio Fotográfico, Galicia catering coctel, Marta Iciar Varela (maquillaxe), Maiela, Marcos Rogríguez Fotografía, Fotomatón Cuatrofotos, Xoiería Manuel María, Carnicería Daniel, Don Agro Floristería, Canela y Pimienta, Pazo de Villar de Francos, Costa Caión, Taxibodas, O recreo animación, Gramola disco móbil, Picmatón (fotomatón), Koalanimación, Viajes Gomar, Candal Tours, Pazo de Sergude, Clasicoruna, LE Boisson (coctelería), Anim-Art e YA-Car.



Galería

Compartir: