Inicio Carballo ao día Hemeroteca Asinados contratos para desenvolver obras no...

O PRAZO DE EXECUCIÓN EN AMBOS CASOS É DE 3 MESES

Asinados contratos para desenvolver obras no casco urbano e nas parroquias por un importe superior aos 250.000 euros

Venres 4 de novembro do 2016

Un momento do acto de sinatura

Un momento do acto de sinatura

A Casa do Concello vén de acoller o acto de sinatura de dous contratos para desenvolver obras no casco urbano e nas parroquias de Carballo por un importe total de 250.120,87 euros. Trátase, en primeiro lugar, do Contrato de obras de "Reparación dos viais de Sísamo e Artes", por un importe de 158.885,41 euros (IVE incluído); e, en segundo, do Contrato de obras de "Reurbanización da rúa Vila de Noia", financiada pola Deputación Provincial da Coruña con cargo ao Plan de Aforro e Investimento (PAI) adicional e por un importe de 91.235,46 euros. Nos dous casos a empresa adxudicataria resultou ser Lancer Proyectos y Obras SA, que, tamén nos dous casos, conta cun prazo de execución dende o momento da sinatura da acta de reformulo de tres meses.

Melloraranse os viais secundarios de Sísamo e Artes, coa reparacións das fochas e acondicionamento do firme, por máis de 150.000 euros

Os traballos para a reparación de viais secundarios en Sísamo e Artes inclúen a preparación da superficie a bachear, a reparación das fochas a base de dobre rega asfáltica sobre firme existente xa pavimentado previa limpeza e varrido. Nas vías con pavimento de formigón, a reparacion levarase a cabo con este material. No caso da rúa Vila de Noia, o obxecto das obras é o reacondicionamiento e mellora da accesibilidade e os servizos, uniformizando o tratamento en superficie da marxe esquerda da rúa Vila de Noia, adaptándoa á contorna, mantendo as características de acabados existentes na marxe dereita da rúa recentemente executada, acondicionando os aparcadoiros da contorna cun encespeado portante e árbores para dotar á contorna duns acabados acordes.

Compartir: