Inicio Carballo ao día Hemeroteca Bota a andar a quinta edición da Escola...

AÍNDA HAI PRAZAS: +INFO NO 636 326 083

Bota a andar a quinta edición da Escola Ambiental Senda Nova: corenta nenos e nenas de 8 a 12 anos coñecen a nosa contorna

Luns 7 de novembro do 2016

Escola Ambiental Senda Nova

Presentación da Escola Ambiental Senda Nova o sábado 4 de novembro

O salón de actos do Pazo da Cultura de Carballo acolleu o sábado 5 de novembro a xuntanza e presentación cos participantes e nais e pais do que será a 5ª edición da Escola Ambiental de Senda Nova. Esta nova andaina da escola conta coa tradicional colaboración do Concello de Carballo, así como co impulso da FEDANPAS da Costa da Morte para chegar na difusión da iniciativa ás pais e nais dos nenos e nenas. Corenta deles, de entre 8 e 12 anos e de diversos puntos da comarca de Bergantiños son os protagonistas dunha nova edición deste proxecto formativo que pretende destacar a través do traballo coa mocidade, os lugares de interese ecolóxico, cultural e paisaxístico da bisbarra.

A iniciativa trata de resaltar os recursos naturais da nosa contorna como xeito de economía tradicional e sostible

A iniciativa constitúe tamén un auténtico marco de aprendizaxe en canto ao deporte e a actividade no medio natural á vez que trata de resaltar os recursos naturais como xeito de economía tradicional e sostible. A Escola ten unha duración de 8 meses e desenvólvese en tres grandes áreas en canto a contidos: Ecoloxía, Cultura e achegamento físico ao medio natural, dividíndose á súa vez en sesións de aula e saídas ao medio natural para completar a programación.

Aprender xogando na natureza

A metodoloxía pretende achegar ao nenos e nenas ao patrimonio dende unha base lúdica e de contacto coa contorna e realízase a través dos monitores e monitoras voluntarios da entidade nunha única sesión semanal durante as fins de semana. Debido á dificultade de chegar en tempo a eses nenos e nenas a través dos centros de ensino, segue aberta a posibilidade de inscrición para todos aqueles alumnos e alumnas que cursen 3º, 4º, 5º ou 6º de Primaria.

As anotacións e máis información en <sendanova@hotmail.com> e no teléfono 636 326 083.

Compartir: