Inicio Carballo ao día Hemeroteca O XVI Concurso Escolar de Teatro Lido Xosé...

MÁIS DE 200 NENOS E NENAS PARTICIPARON NO CERTAME

O XVI Concurso Escolar de Teatro Lido Xosé Manuel Eirís pechou a 25 edición do FIOT con moita diversión e imaxinación

Luns 7 de novembro do 2016

Foto de familia ao remate da final no auditorio do Pazo da Cultura

Foto de familia ao remate da final no auditorio do Pazo da Cultura

A final do XVI Concurso Escolar de Teatro Lido Xosé Manuel Eirís pechou definitivamente a 25 edición do FIOT Carballo nunha tarde moi divertida e chea de imaxinación no Pazo da Cultura. Ratos e frautistas, móbiles e bicicletas, vampiresas e bruxas, muiñeiras de Chantada, laranxas explosivas ou un "Ramón" un pouco fóra de onda foron os protagonistas das historias que os nenos e nenas de entre 5 e 16 anos contaron nun auditorio cheo de cativada, familiares e afeccionados e afeccionadas ao teatro.

O xurado, designado pola organización do FIOT e formado por persoas profesionais e afeccionadas ao teatro, así como por representantes de Radio Voz Bergantiños (Alba Bermúdez, actriz profesional; Rebeca Blanco, integrante da Aula Municipal de Teatro e crítica teatral; Santi Pazos, crítico teatral; Beatriz Cortizas, integrante da Aula Municipal de Teatro e profesora de teatro infantil; e Fran Rodríguez, de Radio Voz Bergantiños) tívoo moi difícil para escoller aos gañadores e gañadoras, aínda que todos e todas os finalistas recibiron premio, un diploma e un obsequio.

Na primeira categoría (grupos de nenos e nenas de ata 10 anos), o resultado foi o seguinte:

  • A FRAUTISTA DE HAMELÍN, do grupo Faíscas do CPR Artai: premio de 250 euros en libros e material escolar e diploma.
  • O MÓBIL DE ROSALÍA, do grupo Axóuxere do CEIP Fogar: premio de 100 euros en libros e material escolar e diploma.
  • MUIÑEIRA DE CHANTADA, do grupo Teatro Enrusado do CEIP Canosa-Rus: accésit e premio de 75 euros en libros e material escolar.
  • XELA VOLVEUSE VAMPIRA, do grupo Compañía Teatrús do CEIP Canosa-Rus:  accésit e premio de 75 euros en libros e material escolar.
Na segunda categoría (grupos de nenos e nenas a partir de 11 anos), o resultado foi o seguinte:
  • AS LARANXAS MÁIS LARANXAS DE TODAS AS LARANXAS, do grupo Cabo da Area do CPI  Cabo da Area de Laxe: premio de 250 euros en libros e material escolar e diploma.
  • RAMÓN, do grupo Espantallo do IES Isidro Parga Pondal: premio de 100 euros en libros e material escolar e diploma.

Arredor de 200 nenos e nenas repartidos en 30 grupos participaron no certame, dos que tan só seis grupos chegaron á final. A cita foi conducida por Caxoto que, ademais de ser o mestre de cerimonias, amenizou a gala cunha sesión de contacontos destinado a público familiar. A continuación tivo lugar unha chocolatada para todos os participantes que gozaron dunha tarde divertida de teatro. Deica o ano!

Compartir: