Inicio Carballo ao día Hemeroteca Sicixia, película rodada en Carballo,...

A ESTREA DO FILME SERÁ O 25 DE NOVEMBRO

Sicixia, película rodada en Carballo, deslumbra en París nunha preestrea que incluíu unha degustación gastronómica da Costa da Morte

Mércores 9 de novembro do 2016

Un momento da presentación de Sicixia en París

Un momento da presentación de "Sicixia" en París

A fita de Ignacio Vilar, "Sicixia - Paseo polo amor e a Costa da Morte" (Vía Láctea Filmes, TVG, rodada en parte en Carballo) presentouse o luns 7 de novembro en París ante máis de 300 persoas nun espectacular evento que aliaba cinema e gastronomía. O público parisino non quixo perder unha prometedora viaxe de "Galicia a través dos cinco sentidos" e, dúas horas antes da agardada proxección, nas portas do Cine Majéstic-Passy situado no prestixioso 16ème arrondissement de París anunciábase que as entradas estaban esgotadas.

Os sons, o descubrimento da Costa da Morte ou o amor foron algúns dos temas abordados dunrate o coloquipo posterior á proxección

Ás 20.30 horas do serán, o director Ignacio Vilar, a actriz Marta Lado e o actor Monti Castiñeiras foron os encargados de presentar o filme. A proxección de Sicixia tivo lugar na Sala 1 do cinema nunhas inmellorables condicións técnicas que permitiron recrear durante 98 minutos as impresionantes paisaxes e os cautivadores sons da Costa da Morte e da Rapa das Bestas de Sabucedo. Logo do pase, o equipo do filme respondeu as preguntas dun público que recoñeceu sentirse totalmente abraiado. Os sons, o descubrimento da Costa da Morte ou o amor foron algúns dos temas abordados.

O mar da Costa da Morte

Os chefs galegos Iván Domínguez (estrela Michelín, Grupo Amicalia, Grupo Nove, Coruña Cociña), Javier Rey (Grupo Amicalia), Miguel Silvarredonda e Tino Otero (Porto-Muíños) foron os encargados de poñer o punto e final a esta inesquecible "soirée" cunha suculenta "Degustación do Mar da Costa da Morte" ofrecida por GALP Costa Sostible (representado por Manuela Oviedo), Vía Láctea Filmes e Porto-Muíños na que os asistentes tamén tiveron ocasión de degustar unha coidada selección de viños godello e mencía da D.O. Valdeorras (Telmo Rodríguez, Rafael Palacios, A Coroa, Viña Valdeiga e B. Carballal).

Alén da presenza de representantes institucionais (Embaixada Española en París, Unesco, etc.), académicos (Universidade da Sorbona) e do mundo artístico e cultural parisino (actores, directores, pintores, escultores, etc.), cómpre subliñar a presenza de xornalistas, distribuidores de cinema e turoperadores que manifestaron o seu desexo de contibuír á difusión de Sicixia nos seus respectivos eidos, o cal supón un auténtico pulo para a promoción da nosa lingua e a nosa cultura a nivel internacional.

Sicixia conta co apoio da Agadic, ICAA, Deputación da Coruña, GALP Costa Sostible e, ademais do Concello de Carballo, dos concellos de Fisterra, Camariñas, Carnota, Cerceda, A Laracha, A Estrada, Cabana de Bergantiños, Dumbría, Corcubión e Zas.

Compartir: