Inicio Carballo ao día Hemeroteca A exposición do Premio de creación...

VISITAS: DO 8 AO 24 DE NOVEMBRO DE 17.00 A 21.00 HORAS

A exposición do Premio de creación fotográfica Luis Ksado da Deputación da Coruña invade o 3º andar do Pazo da Cultura

Xoves 10 de novembro do 2016

Exposición do Premio Luis Ksado

Serie gañadora do Premio Luis Ksado

A sala Alberto Gende do 3º andar do Pazo da Cultura acolle até o 24 de novembro unha exposición cos traballos premiados na duodécima edición do galardón de creación fotográfica Luis Ksado da Deputación da Coruña. Trátase dun premio que xa é un referente no eido da fotografía en Galicia e mesmo en España e que en 2015 gañou a fotógrafa Bandia Ribeira (As Pontes, 1979) coa serie titulada "O voo do "midgie". A obra desta fotoxornalista impúxose sobre as 109 que se presentaron a esta nova edición, comisariada polo fotógrafo Xurxo Lobato.

A mostra pode visitarse até o xoves 24 de novembro en horario de 17.00 a 21.00 horas na sala Alberto Gende do Pazo da Cultura

Ademais, na mostra tamén poden admirarse os traballos dos finalistas: Juan Ramón Robles González (Madrid) con "Vida e morte na Franxa de Gaza", Francisco Xabier Fernández Comesaña (Vigo) con "Aloitadores de Sabucedo", Noela Roibás Rodríguez (Pontevedra) con "Irmán" e Ana Belén Rello Férnández (Santiago de Compostela) con "Quidam".

A gañadora

Licenciada en Ciencias Políticas pola Universidade de Compostela e pola Karlova Univerzita de Praga, Bandia Ribeira cursou o Postgrado de Fotoxornalismo na Universitat Autónoma de Barcelona e o grado de Fotografía Documental na University of South Wales de Newport. Na súa experiencia profesional, Bandía Ribeira traballou como fotoxornalista en El Progreso, delegación da Mariña, colaborou coa Fundació per la Innovació i la Acció Social e foi asistente de fotografía da Agencia Lusa en Viseu.

A súa obra foi exposta en mostras individuais e colectivas, ademais de na Galiza, en Gales, Cataluña, Rumanía, Alemania, Portugal. O Ksado súmase a outros premios recibidos por Bandía Ribeira como a mención de honra de Foto Visura Spotlight grant ou o Premio Ciutat de Barcelona.

Podedes admirar os seus traballos e os dos/das finalistas até o xoves 24 de novembro en horario de 17.00 a 21.00 horas.

Compartir: