Inicio Carballo ao día Hemeroteca A metade das parroquias de Carballo xa...

PRÓXIMA CITA: MARTES 15 DE NOVEMBRO EN LEMA

A metade das parroquias de Carballo xa teñen operativos os Consellos Parroquiais para avanzar na participación veciñal

Luns 14 de novembro do 2016

Consello parroquial Artes

Un momento da constitución do Consello parroquial de Artes

En Carballo xa hai 9 Consellos Parroquiais, o que significa que esta nova canle de comunicación e de participación veciñal está xa operativa na metade das parroquias do Concello. O último quedou constituído o venres 11 de novembro en Artes cun total de 15 membros entre representantes dos grupos políticos municipais, a Asociación Cultural Aquelarre e cidadáns e cidadás a título individual.

Ardaña, Oza, Rus, Sísamo, Sofán, Entrecruces, Berdillo, Goiáns e Artes xa teñen o seu Consello Parroquial

Deste xeito, os Consellos Parroquiais xa están a funcionar de maneira provisional nas seguintes parroquias: Ardaña, Oza, Rus, Sísamo, Sofán, Entrecruces, Berdillo, Goiáns e Artes. Entre este mes e o de decembro continuarán as xuntanzas nas outras oito parroquias rurais coa intención de implantar os Consellos Parroquiais en todo o territorio. Consciente de que non será doado acadar este obxectivo, o goberno municipal fai un chamamento á participación para seguir ampliando esta nova canle de comunicación directa entre o Concello de Carballo e a veciñanza.

Grupos de traballo interxeracionais

As persoas que forman parte do movemento asociativo en cada unha destas parroquias son as que máis se están implicando, pero, en xeral, están a crearse grupos de traballo interxeracionais e integrados por persoas de perfís moi variados, o que contribúe a enriquecelos. Pero, como se está a destacar en todas as xuntanzas, os Consellos Parroquiais son órganos abertos, de maneira que todas as persoas que queiran sumarse poden facelo agora ou no futuro.   

As próximas reunións celebraranse o día 15 de novembro en Lema, o 16 en Noicela e o 18 en Cances. Como se está a facer en todo este proceso, a convocatoria realizarase mediante o envío de cartas a cada domicilio. As persoas interesadas no proceso de constitución dos Consellos Parroquiais teñen ao seu dispor o teléfono 608 201 251 e o enderezo electrónico <consellosparroquiaiscarballo@gmail.com>.

Compartir: