Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Consorcio Provincial Contraincendios e...

TAMÉN SE REFORMARÁN OS VESTIARIOS DAS INSTALACIÓNS

O Consorcio Provincial Contraincendios e Salvamento da Coruña aproba a adquisición dun novo vehículo para o Parque de Bombeiros de Carballo

Martes 15 de novembro do 2016

Un dos vehiculos do Parque comarcal de Carballo

Un dos vehiculos do Parque comarcal de Carballo

A sede da Deputación da Coruña acolleu o luns 14 de novembro un pleno extraordinario do Consorcio Provincial Contraincendios e Salvamento da Coruña, presidido por Valentín González Formoso, no que se aprobou o orzamento do ente para o vindeiro exercicio 2017, que ascenderá a 8.695,274, 54 euros, e un expediente modificativo de créditos por importe de 1.817.272,60 millóns co que se financiará, entre outros proxectos, a reforma dos vestiarios do Parque de Bombeiros comarcal de Carballo -cun custo estimado de 65.327, 83 euros- e a dotación dun novo vehículo para o mesmo parque. Será un vehículo BUL (Bomba Urbano Lixeira), cun prezo unitario de 483.333,34 euros.

O investimento total previsto para o parque carballés supera os 550.000 euros que serán achegados pola Deputación e pola Xunta de Galicia

O orzamento do vindeiro ano, que sobe en 252.102,70 euros con respecto a 2016, intégrase fundamentalmente polas achegas anuais da Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia, cada unha das cales destinará 3.296.000 euros para financiar o funcionamento dos 10 parques comarcais de bombeiros existentes na provincia (Carballo, Arteixo, Boiro, Ribeira, Ordes, Arzúa, Betanzos, As Pontes, Cee e Santa Comba). O modificativo de créditos aprobado o 14 de novembro suporá novos investimentos por máis de 1,8 millóns de euros.

Compartir: