Inicio Carballo ao día Hemeroteca Música do Conservatorio, pop-rock e...

CITAS O VENRES 18 E O SÁBADO 19 DE NOVEMBRO

Música do Conservatorio, pop-rock e agrupacións corais no programa da segunda semana do Novembro con Música

Mércores 16 de novembro do 2016

Coral Aires de Bergantiños

Coral Aires de Bergantiños

O Novembro con Música 2016 continúa a súa andaina durante a fin de semana con dúas propostas ben diferentes. A primeira delas é a Gala do 50 Aniversario da Asociación Provincial de Amas de Casa, Consumidores e Usuario da Coruña que, con motivo deste acontecemento, organizan un concerto no que participan agrupacións musicais do Conservatorio Profesional de Música de Carballo e o grupo The Cerne (que ofrece versións de música pop-rock dos anos 70 e 80 e temas propios). No transcurso da gala, que presenta a xornalista Verónica Couto e na que se proxectará un vídeo coa historia da asociación, intervirán o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e a Presidenta provincial das Amas de Casa da Coruña, Rosa Celia Otero. Esta actividade terá lugar o venres 18 ás 20.00 horas no auditorio do Pazo da Cultura.

As dúas propostas do programa terán lugar no Pazo da Cultura con acceso gratuíto ata completar o aforo do auditorio

Xa p sábado 19, ás 21.00 horas, está prevista lugar unha cita con dúas das agrupacións corais máis importantes da Comarca de Bergantiños, a Coral Polifónica de Bergantiños e o Coro Aires de Bergantiños. As dúas formacións comparten escenario nun concerto moi especial no que interpretarán temas de variada procedencia, estilo e xénero musical. Estas dúas corais son un referente na música vocal da contorna pola súa traxectoria así como polo súa profesionalidade e diferenzas á hora de interpretar o seu repertorio. Mentres a Coral se decanta cara a temas máis clásicos da polifonía o Coro Aires, pola súa parte, dedícase máis á música tradicional galega. Ao remate as dúas formacións teñen preparada unha sorpresa musical.

As dúas actividades, a do venres e a do sábado, son de balde ata completar o aforo.

Compartir: