Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello viste de loito entre o 18 e o 28 de...

PARTICIPAN 60 ESTABLECEMENTOS COMERCIAIS E HOSTALEIROS

O Concello viste de loito entre o 18 e o 28 de novembro para rexeitar a violencia contra as mulleres: "Carballo en negro"

Xoves 17 de novembro do 2016

Carballo en negro - Miriñaque

As tendas e locais hostaleiros de Carballo viven esta semana tinxidos de negro

O Concello tinxirá de negro preto de 75 tendas e locais hostaleiros da capital municipal grazas á campaña "Carballo en negro" que ten como obxectivo promover e facer visible o rexeitamento da cidadanía cara a violencia machista con motivo do 25 de novembro, Día Internacional de Eliminación da Violencia contra as mulleres. Trátase dunha iniciativa na que participan 16 concellos de toda Galicia e que en Carballo subscriben máis de medio centenar de establecementos comerciais de todo tipo: dende cafetarías, ata tendas de roupa, perruquerías, tendas de decoración ou o propio Mercado Municipal ao completo.

Frases que defenden a independencia das mulleres ou que animan a denunciar aos agresores inundarán os establecementos da vila

De feito, o Concello quere agradecer a implicación de todos os veciños e veciñas nesta campaña de sensibilización. A iniciativa, coordinada pola Concellaría de Igualdade e Benestar que dirixe Maica Ures a través do Centro de Información á Muller (CIM), vén de ratificarse hoxe en Santiago logo de que Ures asinara o protocolo de colaboración para que todos os concellos participantes desenvolvan similares liñas de actuación.

16 concellos de toda Galicia

A cor negra e mensaxes contra a violencia machista como "son libre de decidir a miña vida", "respecta as miñas decisións" ou "unha de cada catro mulleres que sofre violencia machista non o denuncia por medo" poboarán entre o venres 18 e o luns 28 de novembro espazos nos que é pouco habitual atopalos, como escaparates, estantes de establecementos comerciais ou manequíns de tendas de roupa.

Os locais carballeses que participan na iniciativa xa contan dende hoxe co material necesario para vestir de negro, con elementos como camisetas para os e as dependentes dos negocios, mandís, ou cartaces para os escaparates. A Coruña, Santiago de Compostela, Ames, Cangas, Ferrol, Lugo, Poio, Pontevedra, Ribadeo, Sada, Sarria, Teo, Tui, Vilalba e Zas, ademais de Carballo, son os municipios que adoptan este ano o lema "En negro contra a violencia".

Todos contra a violencia machista!

Ligazóns



Galería

Compartir: