Inicio Carballo ao día Hemeroteca As novas oficinas dos Servizos Veterinarios...

A XEFA TERRITORIAL DE SANIDADE VISITOU AS NOVAS INSTALACIÓNS

As novas oficinas dos Servizos Veterinarios Oficiais de Saúde Pública xa están operativas na nave 1 do Fórum Carballo

Venres 18 de novembro do 2016

Oficinas dos Servizos Veterinarios Oficiais de Saúde Pública

A Xefa Territorial de Sanidade visitou as novas instalacións

Os Servizos Veterinarios Oficiais de Saúde Pública dependentes da Consellería de Sanidade (responsables de seguridade alimentaria) que até o de agora estaban ocupando un edificio de titularidade municipal situado na entrada do Parque Empresarial de Bértoa xa está operativos no 1º andar da nave 1 do Fórum Carballo. A Xefa Territorial de Sanidade, Cristina Pérez Fernández, acaba de visitar as novas instalación acompañada do Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e do deputado autonómico Aurelio Núñez Centeno. Un total de tres traballadores ocupan as novas dependencias, que cualificaron de "excelentes" e que practicamente cuadruplican o espazo que ocupaban anteriormente.

O espazo que ocupaba o servizo no Parque Empresarial de Bértoa pasará a ser empregado pola Comunidade de Propietarios do Polígono

Cristina Pérez Fernández transmitiulle a Evencio Ferrero o agradecemento do Concelleiro titular de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, pola cesión das instalacións. O Alcalde manifestou que é a obriga do Concello tentar que os servizos presentes no municipio se ofrezan nas mellores condicións posibles, e que a administración local facilita o uso das instalacións sen ningún problema. En todo caso, durante a visita tamén se falou dalgúns detalles para mellorar aínda máis as oficinas, como a creación dun novo corredor de comunicación nos accesos.

Agora que xa se culminou o traslado, as instalacións anteriormente ocupadas polo servizo de seguridade alimentaria no Parque Empresarial de Bértoa (no edificio anteriormente denominado Centro de Promoción Económica - CPEC) pasarán a ser empregadas polos empresarios e emprendedores da Comunidade de Propietarios do Polígono, que realizaron esta petición de uso diante do Concello.

Centralización de servizos

O Fórum Carballo centraliza así os servizos que ofrece a Xunta de Galicia no Concello, así como todos os relacionados con Formación e Emprego. Así, dende o luns 24 de outubro deste ano as oficinas do Servizo estatal de Emprego Público e do Servizo de Emprego Público de Galicia ofrecen os seus servizos dende a planta baixa do Fórum Carballo.

E dende hai xa máis de dous anos os servizos da Consellería de Medio Rural da Xunta están implantados no 1º andar do Fórum; mentres que no 2º están situados os servizos municipais do Centro de Formación, Oficina de Promoción Economica, Oficina de Turismo e Bolsa de Traballo Municipal (BDT).

Compartir: