Inicio Carballo ao día Hemeroteca O orzamento de Carballo para 2017 rolda os 25,5...

OS INVESTIMENTOS SUPOÑEN MÁIS DO 22 POR CENTO DAS CONTAS

O orzamento de Carballo para 2017 rolda os 25,5 millóns de euros e sobe un 4,34 por cento respecto do de 2016

Sábado 19 de novembro do 2016

Rolda de prensa

Un momento da presentación dos orzamentos para 2017

Carballo vén de presentar os orzamentos xerais para o ano 2017, unhas contas que, segundo explica a Concelleira de Facenda, Belén Lendoiro, manteñen "as liñas políticas de orzamentos anteriores" e que reflicten un "avance que amosa o esforzo inversor do Concello" e tamén a súa vontade de acción social. O presuposto está equilibrado en ingresos e gastos nun importe de 25.469.352,02 euros cun incremento dun 4,34 por cento respecto das contas de 2016.

O Concello incrementa o gasto en sanidade, educación, promoción social e emprego cun investimento de 2,9 millóns

En verbas de Lendoiro mantense "a liña de crecemento de anos anteriores" e as contas amosan a "estabilidade económica do Concello". Do mesmo xeito o Alcalde, Evencio Ferrero, subliña que "o Concello segue a facer os deberes", xa que "estamos en moi boa situación" traballando para que Carballo sexa un municipio "con futuro" e cuns orzamentos "nos que xa empeza a verse algún síntoma de recuperación". Os dous subliñan tamén que a fiscalidade permanece estable, sen suba algunha nin en taxas nin en impostos.

Unha media de investimento por habitante de 183 euros

Analizando as contas polo miúdo, o apartado de gastos reflicte, segundo Lendoiro, o seu "esforzo inversor" e o seu "carácter social". De feito, os investimentos reais -capítulo 5- supoñen un 22,48 por cento do orzamento, con 5.725.852,69 euros e unha suba dun 6,37 por cento respecto do exercicio anterior. Ademais, o Alcalde subliña que a esta cifra haberá previsiblemente que sumar o PAI da Deputación provincial, que suporá unha inxección de 587.540,86 euros, polo que o Concello "superará ampliamente os seis millóns de euros en investimentos en 2017". Ferrero tamén resalta que a media de investimento por habitante en Carballo é de 183,03 euros, mentres que a media galega está en 80 euros.

Entre os investimentos hai que mencionar a mellora do campo de fútbol de Sofán, o arranxo de vías no rural ou dos centros sociais das parroquias

Respecto dos investimentos planificados, a grande maioría fináncianse case ao cen por cen con fondos propios, e entre eles hai que mencionar a mellora de vías no rural en parroquias como Rus, Entrecruces, Aldemunde ou Sofán, entre outras por 802.560,25 euros; o acondicionamento do campo de fútbol de Sofán para dotalo de céspede artificial por máis de 590.000 euros; mellora de vías no Parque Empresarial de Bértoa por máis de 311.000 euros; a mellora dos centros sociais de Artes, Rus, Outón, Entrecruces e Sísamo, ou unha ampliación no de Oza por 466.419,33 euros; o o peche do pavillón do CEIP Xesús San Luis Romero por máis de 131.000 euros.

Hai que engadir así mesmo, os dous millóns de euros do canon do ciclo integral da auga que suporán reparacións na rede de abastecemento, creación de saneamentos e melloras nas estacións depuradoras municipais. Tamén hai que resaltar o investimento en xestión urbanística logo da aprobación do PXOM, por máis de 514.000 euros, incluíndo o acondicionamento dunha praza na contorna da Biblioteca Rego da Balsa.

Incremento do gasto social

Outro dos apartados que sube é o gasto para servizos sociais, con 263.645,66 euros, especialmente pola suba no número de horas do servizo de axuda a domicilio. En total, as actuacións en promoción social, sumando o gasto de varios capítulos (incluíndo os gastos de persoal) supoñen 2.207.185,44 euros, e o gasto global no orzamento referido a sanidade, educación e promoción social e emprego ascende a 2,9 millóns de euros, case o 9 por cento do orzamento.

O Concello seguirá a comprar terreos na contorna do Bosque do Añón e creará novos espazos públicos, como unha praza na contorna da Biblioteca

Respecto doutros capítulos, os gastos de persoal son o 28,22 por cento do total con 7.188.269,77 euros un incremento dun 11,19 por cento respecto do exercicio de 2016. O motivo, explica Lendoiro, é que por primeira vez se orzamentan todos os postos da RPT (Relación de Postos de Traballo) do Concello, segundo o acordo plenario acadado en 2016. Tamén haberá dúas novas contratacións en Protección Civil para cubrir vacacións e dúas prazas de conserxes. O gasto corrente tamén sube un 2,19 por cen con 10.925.892,56 euros. Esta suba vén motivada en parte polo incremento do servizo de Axuda no Fogar -que ascende a 296.402,65 euros- e polo Plan Sectorial de Razo-Baldaio -241.510 euros. Lendoiro resalta que, en cambio, baixa o gasto de mantemento e subministros.

As transferencias  correntes ascenden a 1.564.335 euros. Por último, hai que mencionar que "por primeira vez o Concello non ten que destinar nin un só céntimo a amortización con entidades financeiras", en verbas do Alcalde, co capítulo 9 de pasivos financeiros en cero euros.

Non se subirán nin as taxas nin os impostos

O apartado de ingresos segue coa tendencia "realista" e prudente de exercicios anteriores. Lendoiro subliña que non se suben nin as taxas nin os impostos polo que os incrementos nas contías débense ao incremento no padrón municipal. Por capítulos, os impostos directos supoñen o 29,6 por cento do orzamento con 7.561.662,26 euros; e nos indirectos hai unha previsión de 185.000 euros polo Imposto de Actividades Económicas. Supón unha previsión de suba dun 6 por cento respecto do exercicio anterior, manténdose a liña de recuperación económica dos últimos anos.

Previsión realista nos ingresos, que subirán grazas aos dous millóns de euros do canon do ciclo integral da auga

O capítulo de taxas e prezos públicos ascende a 5.222.035,50 euros e suben un 3,5 por cento en parte polo incremento dos ingresos por lixo comercial, outro signo, segundo Lendoiro, da incipiente recuperación económica. O capítulo de ingresos patrimoniais reflicte a inxección que suporá o canon do ciclo integral da auga, de dous millóns de euros, que está previsto que se faga efectivo en 2017. O capítulo de transferencias de capital reflicte fundamentalmente os ingresos dos plans da Deputación e en operacións de capital haberá que engadir o PAI da Deputación, que se concede aos concellos coa fórmula de empréstito a xuro cero.

En definitiva, o goberno municipal defende os segundos orzamentos do presente mandato como centrados no gasto social, con vontade inversora e centrados en aproveitar a inicipiente recuperación económica para seguir a construír o Carballo do futuro.

Compartir: