Inicio Carballo ao día Hemeroteca Luz verde para as bases do Concurso de...

XUNTA DE GOBERNO LOCAL

Luz verde para as bases do Concurso de Escaparatismo de Nadal 2016 que repartirá 2.000 euros en premios

Luns 21 de novembro do 2016

Concurso de escaparates 2015

Un dos escaparates premiados no concurso de 2015

A Xunta de Goberno Local reunida en sesión ordinaria vén de aprobar as bases do Concurso de Escaparatismo de Nadal 2016, no que poderán participar os titulares dun establecemento comercial situado no termo municipal de Carballo. Os escaparates deberán estar preparados ás 19.00 horas do mércores 14 de decembro de 2016, momento a partir do cal o xurado poderá comezar as visitas. Os escaparates non poderán desmontarse antes do 25 de decembro co obxecto de que estean dispoñibles para todos os veciños e veciñas e visitantes durante as festas de Nadal. Os comercios participantes están obrigados tamén a manter o escaparate co alumeado correspondente que permita a valoración do xurado alomenos até as 22.00 horas entre os días 14 e 25 de decembro.

O prazo para presentar as solicitudes de participación estará aberto entre o mércores 23 de novembro e o luns 12 de decembro

O prazo para presentar as solicitudes de participación estará aberto entre o mércores 23 de decembro e o luns 12 de decembro (inclusives) en horario de luns a venres de 9.00 a 14.00 horas tanto no Rexistro de Entrada do Concello, como no Rexistro Auxiliar do Fórum Carballo. O tema dos escaparates deberá ser alegórico do ambiente propio do Nadal e valorarase a calidade artística, a composición, o alumeado, a utilización de elementos tradicionais do Nadal, a orixinalidade, o esforzo e dedicación do comerciante e o uso do galego. Concederanse catro premios por un importe total de 2.000 euros segundo o seguinte ditame:

  • Primeiro premio: 1.000 euros
  • Segundo premio: 500 euros
  • Terceiro premio: 250 euros
  • Cuarto premio: 250 euros
Proximamente estarán dispoñibles as bases e os impresos de solicitude no web municipal.

Outros asuntos

A orde do día da Xunta de Goberno tamén incluíu varios asuntos do apartado de contratación. Por un lado, a adxudicación do contrato administrativo de servizos de "Subministración e servizo de antivirus e seguridade no equipamento informático e de comunicación do Concello de Carballo" por un prezo anual de 14.520 euros a DonClic Soluciones Tecnológicas SL. O período de duración do contrato sería de dous anos coa posibilidade de establecer unha prórroga dun ano previo acordo das partes. A sesión supuxo, así mesmo, a aprobación do expediente para o contrato de servizos de "Mantemento dos ascensores e aparatos elevadores do Concello de Carballo", que sairá a licitación cun prezo de 33.000 euros anuais.

Licitación do contrato de servizos de mantemento de ascensores e adxudicación do servizo de antivirus e seguridade informática

A Xunta de Goberno aprobou tamén as axudas a familias para desenvolver actividades de conciliación no verán 2016 a 55 beneficiarios e beneficiarias. No apartado de convenios, saíu adiante un acordo entre a Axencia para a modernización tecnolóxica da Xunta de Galicia e o Concello de Carballo para acceder ás funcionalidades de solucións tecnolóxicas básicas de administración electrónica contidas no convenio de colaboración entre a Administración Xeral do Estado (MINHAP) e a AMTEGA para a prestación mutua de solucións básicas de administración electrónica.

Ademais, fóra da orde do día, aprobouse un convenio de colaboración entre o CEIP Fogar e o Concello de Carballo para o uso do Pavillón deportivo do centro educativo. Os horarios de utilización por parte do Concello serán de luns a venres de 17.30 a 23.30 horas; os sábados de 9.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas; e os domingos de 9.00 a 14.00 horas. Por último, hai que mencionar a aprobación de catro licenzas de obra e unha licenza de primeira ocupación.

Compartir: